O pleno ordinario do mes de xullo celebrouse onte xoves día 4 no Concello do Barco. Aínda que se presentaba unha sesión tranquila —non constaba, nin houbo, ningunha moción de urxencia— o Bloque Nacionalista Galego aproveitou o espazo de rogos e preguntas para plantexar unha cuestión: «Coñecía o PSOE a intención do seu grupo no Parlamento de presentar unha proposición non de lei pola cobertura de prazas de pediatría no Barco en vez de facelo dun xeito conxunto?».
Pregunta dos nacionalistas que daba pé a un rogo —podería chamarse— dirixido ao Partido Popular: «Vós que tedes liña directa coa Consellería poderíades falar co voso grupo para tentar solventar este grave problema que temos no Barco». A sorpresa chegou cando o concelleiro de Servizos Sociais, Orlando Saavedra, falou dunha visita realizada esta semana —e da que ninguén semellaba ter coñecemento—.
«O conselleiro de Sanidade visitou o Hospital do Barco e mantivo unha reunión con persoal médico e direccións de enfermaría. Enterámonos hoxe, e ninguén semellaba saber nada». Un encontro que evitou calquera tentativa de falar con el sobre a situación actual na pediatría de atención primaria no centro barquense.
Ademais, o BNG puxo de manifesto nesta sesión plenaria que as nais e pais «aínda non recibiron resposta de ningún tipo». Pola súa banda, e dende o equipo de goberno, confirmaron estar «facendo todo o posible por solventar xa este problema».
25 anos con Alfredo García como alcalde
O 3 de xullo de 1999 Alfredo García tomaba posesión como alcalde do Barco por primeira vez. Facíao tamén o concelleiro, aínda en activo, Miguel Neira. Unha data «especial» —segundo definiu no pleno o rexedor— e pola que quixo dedicar unhas palabras. «Grazas á cidadanía polo apoio e o respaldo que sempre recibín».
Fixo un repaso ademais por algunhas das actuacións que o fan sentir orgulloso. «Como a eliminación do paso a nivel da vía férrea; a construción da pasarela peonil a Viloira; a mellora do Paseo do Malecón; ou a humanización xeral de todo o municipio». Agradecemento tamén que expandiu ao seu compañeiro neste cuarto de século, Miguel Neira.
Control das colonias de gatos
Outro dos temas centrais do pleno deste mes de xullo foi a necesidade e a urxencia de aumentar o control das colonias de gatos que hai no Barco. «É desagradable dicilo pero é moi difícil, vamos ter un grave problema con este asunto porque a xente non se responsabiliza e deixa aos gatos libres sen control», explicaba o alcalde, Alfredo García.
Máis asuntos relacionados cos animais. Neste caso tamén os cans, e máis específicamente, os donos. «Hai que levar unha botella con auga e lixivia para botar cando o noso can fai as súas necesidades nas rúas, céspedes e parques, porque é insalubre».