domingo. 13.10.2024

Contará con subvencións para a rehabilitación de vivendas que estén incluídas dentro desta ruta Xacobea

A Área de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago extenderá o seu ámbito de actuación coa incorporación dos trazados do Camiño de Inverno e do Camiño Portugués pola costa. Así o acordaron o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e o Ministerio de Fomento, que veñen de asinar esta ampliación, así como o convenio para o financiamento das actuacións a realizar nesta área en 2019.



Ata o momento, a ARI dos Camiños de Santiago incluía un total de 568 parroquias pertencentes a 108 concellos polos que transcorren as rutas do Camiño Francés, Inglés, Portugués, da Prata, do Norte, Primitivo e de Fisterra-Muxía.

Camiño de INverno na poboación de Pumares (Carballeda)

Coa incorporación do Camiño de Inverno e o trazado do Camiño Portugués pola costa, a área exténdese a outras 99 parroquias de 20 municipios, aínda que dous deles —Lalín e Redondela— xa estaban incluídos antes ao atoparse no percorrido dalgunha das outras rutas. Polo tanto, a ARI dos Camiños de Santiago comprenderá un total de 687 parroquias distribuídas entre 126 concellos.



No que se refire o Camiño de Inverno, os Concellos que se engaden son O Barco, A Rúa, Carballeda, Rubiá, Vilamartín —en Valdeorras—, A Pobra de Brollón, Chantada, Monforte e Quiroga —na provincia de Lugo— e, finalmente, Lalín e Rodeiro —Pontevedra—.

Sinalización do Camiño de Inverno

Ademais da ampliación, o IGVS e o Ministerio de Fomento acaban de asinar tamén o convenio de financiamento que contempla as subvencións nesta ARI para o ano 2019 e en virtude do cal destinaranse 1,5 millóns de euros ás axudas para a rehabilitación de vivendas nas nove rutas do Camiño de Santiago incluídas na mesma.



As subvencións para intervir este ano na ARI dos Camiños de Santiago, cuxa convocatoria está prevista para as próximas semanas, van destinadas a propietarios de vivendas e comunidades para a realización de obras de rehabilitación cun importe máximo de 16.000 euros por vivenda, contía que se poderá incrementar en 1.000 euros máis cando a actuación se adapte á Guía de cores e materiais aprobada pola Xunta de Galicia.

Camiño de Inverno ao seu paso por Quiroga

No caso dos demandantes menores de 35 anos que rehabiliten as súas vivendas ao abeiro destas axudas en concellos de menos de 5.000 habitantes, o importe da subvención poderá chegar ata os 20.000 euros por inmoble, sempre que a actuación se adapte tamén á Guía de cores e materiais.

O Camiño de Inverno incorpórase oficialmente na Área de Rehabilitación Integral