O Diario Oficial de Galicia publico este luns a orde pola que a Xunta convoca as axudas destinadas a compensar os danos causados polo lobo ao sector agrogandeiro, cun orzamento de 597.724 euros para o ano 2026. As subvencións poderán solicitarse a partir do16 de decembro.
As achegas están dirixidas aos propietarios de gando afectado por ataques de lobo que se comuniquen a través do teléfono 012 entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026. A orde establece as bases reguladoras destas axudas, co obxectivo de paliar o impacto da presenza desta especie nas explotacións gandeiras da comunidade.
As contías variarán segundo a especie e a idade dos animais afectados. Os importes oscilan entre os 37,7 euros por un exemplar de gando ovino ou cabrún adulto de seis anos ou máis e os 2.598,7 euros por unha res bovina de raza autóctona de entre dous e seis anos. As cantidades calcularanse conforme ao baremo recollido na propia orde e poderán incrementarse nun 10% no caso das explotacións nas que se comprobe a aplicación favorable de medidas preventivas.
A convocatoria contempla tamén a posibilidade de sufragar os gastos veterinarios das reses feridas, os custos de eutanasia cando sexa necesaria esta medida e os abortos producidos como consecuencia directa dun ataque de lobo.
Ademais, inclúese un importe adicional en concepto de lucro cesante para o gando bovino e ovino-cabrún reprodutor de carne e leite, no caso das femias. Estas compensacións complementarias van desde os 9,1 euros para unha cabra femia adulta de entre un e seis anos ata os 1.803,1 euros para vacas de entre dous e seis anos.


