sábado. 06.09.2025

Trinta novos casos de mieloma múltiple en Ourense no último ano

Ademais, 130 pacientes están en tratamento activo contra este «cancro do sangue» que afecta ás células plasmáticas da medula ósea
somoscomarca_20250905_ourense_hematologia1345
Trinta novos casos de mieloma múltiple en Ourense no último ano

Trinta persoas foron diagnosticadas desta enfermidade hematolóxica na área sanitaria de Ourense no último ano, e a día de hoxe 130 pacientes seguen un tratamento activo nos hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras, segundo informa o Sergas.

A incidencia é superior á media estatal —situada en 5 casos por cada 100.000 habitantes— pola maior proporción de poboación de idade avanzada na provincia. A mediana de idade dos pacientes sitúase nos 72 anos, aínda que, de maneira excepcional, preto da metade dos novos diagnósticos rexistrados en 2025 correspóndense con persoas menores de 70 anos. Catorce delas puideron someterse a un auto-trasplante realizado en Ourense.

Un dos puntos fortes da área sanitaria é que os doentes reciben o tratamento no hospital máis próximo ao seu lugar de residencia. No caso de Valdeorras, o Hospital Público do Barco dispón de Hospital de Día para a administración de terapias subcutáneas ou intravenosas, evitando desprazamentos longos a Ourense.

Ademais, os servizos de Farmacia dos tres centros contan con profesionais especializados en hematoloxía que supervisan a medicación oral, validan prescricións e acompañan aos pacientes e ás súas familias no proceso.

Un «cancro do sangue» con avances notables

O mieloma múltiple é un cancro do sangue que afecta ás células plasmáticas da medula ósea e pode provocar fatiga, dores óseas, anemia ou insuficiencia renal. Non ten cura definitiva, pero a investigación está a abrir novas portas.

O doutor José Ángel Méndez, do Servizo de Hematoloxía de Ourense, subliña que «a estrutura sanitaria implicada na atención aos pacientes incorpora ano a ano innovacións que melloran os resultados e a calidade de vida». No último ano consolidouse o uso de anticorpos biespecíficos, antes restrinxidos a ensaios clínicos, e comezaron a aplicarse esquemas de catro fármacos en determinados casos. Ademais, os pacientes con indicación poden acceder ás terapias CAR-T, unha inmunoterapia avanzada que modifica linfocitos T do propio paciente para facelos máis efectivos contra o tumor.

Aínda que a ciencia non acadou unha cura definitiva, os avances permiten ofrecer ás persoas diagnosticadas unhas expectativas de supervivencia cada vez máis próximas á esperanza de vida da poboación xeral. Un dato que, en comarcas como Valdeorras, onde a poboación envellecida é maioritaria, resulta especialmente relevante.

Trinta novos casos de mieloma múltiple en Ourense no último ano