
O lema para este ano é "Protexer a lactación materna: unha responsabilidade compartida"
A Semana Mundial da Lactación Materna proclamada oficialmente por OMS e UNICEF no ano 1992, celébrase en máis de 170 países do 1 ao 7 de agosto co obxectivo de promover a lactación materna e mellorar a saúde dos bebés. En Europa, para evitar o período vacacional, a celebración terá lugar na primeira semana de Outubro. O lema para este ano é "Protexer a lactación materna: unha responsabilidade compartida" e incide na necesidade de formar unha cadeia efectiva de apoio á lactación materna.
Aproveitando a proximidade desta celebración a nivel mundial, os representantes da Comisión de Lactación da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, queren dar a coñecer á poboación en xeral e especialmente a embarazadas, puérperas e lactantes os cometidos desta comisión ao tempo que «nos gustaría falar da “Guía de Apoio á Lactación Materna para profesionais” que estamos a difundir entre os profesionais da Área».
Esta Comisión, formada en xullo do 2015, reúne a un grupo multidisciplinar de profesionais sanitarios (pediatras, obstetras, enfermeiras, TCAE, matronas, médicos de familia…) pertencentes aos 3 hospitais da Área e do ámbito da atención primaria.
A finalidade da creación e funcionamento desta Comisión é a elaboración e difusión dunha Normativa de Lactación e a posta en marcha dun plan de acción para cumprir os 10 pasos para o éxito da lactación materna da OMS-UNICEF, así como propor as medidas que se consideren oportunas para mellorar a práctica asistencial baseada na evidencia”.
Conscientes da necesidade de unificar criterios de atención, iniciouse a elaboración dunha “Guía de Apoio á Lactación para Profesionais”, que se rematou en 2019 e, aínda que por diferentes motivos non se publicou, recentemente comezouse a difundir a través de enderezos electrónicos dunha grande maioría de profesionais.
Na mesma liña da necesidade de unificar criterios de atención e poder cumprir as recomendacións marcadas pola OMS, UNICEF, IHAN para o éxito da lactación materna, outros dos nosos obxectivos son facilitar Formación Actualizada para os Profesionais e realizar un Diagnóstico da situación actual na nosa Área en cuanto a estatísticas de tasas/índices de Lactación.
Ata a data só contan con datos estatísticos sobre LM no Hospital do Barco onde realizaron varios estudios sobre duración e abandono da lactación e coñecementos das xestantes . Así no último estudio levado a cabo e publicado na revista GOM (Ginecología y Obstetricia Mejico) recóllense datos como que un 62% das participantes quería aleitar ata que puidera ou a criatura quixera, e un 21,5% un máximo de 6 meses. O desexo de aleitar aumentaba nas que xa amamantaran previamente.