martes. 01.07.2025

O luns activarase un novo protocolo de identificación dos contactos estreitos da covid

O novo protocolo ten como obxectivo dirixir as actuacións a protexer á poboación máis vulnerable, reducindo as medidas que se están a levar a cabo na poboación xeral

somoscomarca_casos_covid
O luns activarase un novo protocolo de identificación dos contactos estreitos da covid

Dende o próximo luns, 7 de marzo, a Xunta de Galicia porá en funcionamento o novo protocolo de identificación e manexo dos contactos estreitos da covid, logo da actualización sobre a recomendacións das corentenas. Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en rolda de prensa, nun acto no que estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

Na súa intervención, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, detallou o novo protocolo, que ten como obxectivo dirixir as actuacións a protexer á poboación máis vulnerable, reducindo as medidas que se están a levar a cabo na poboación xeral. Tal e como dixo a directora, «cando se fala de ámbito vulnerable é o referido aos centros sanitarios asistenciais, os centros sociosanitarios e outros centros con persoas institucionalizadas».

O estudo de contactos estreitos só se realizará, entre os casos confirmados de covid de persoas relacionadas con ámbitos ou grupos vulnerables (casos que residen, acoden como usuarios frecuentes ou están ingresados nun ámbito vulnerable; casos que traballan nun ámbito vulnerable na atención directa a outras persoas ou casos que traballan en servizos de axuda no fogar).

Ademais, só se identificarán aos contactos estreitos que tamén estean relacionados con ámbitos vulnerables, e non se realizará identificación dos contactos estreitos na poboación xeral, sendo os propios casos os que deben informar aos seus contactos estreitos para que extremen as medidas de prevención (uso da máscara, evitar o contacto con persoas vulnerables, reducir o posible as interacións sociais, lavado de mans, etc).

Tal e como recordou a directora xeral, contacto estreito é calquera persoa que estivese no mesmo lugar que un caso positivo, a unha distancia menor de dous metros durante máis de 15 minutos en 24 horas. Ademais, o contacto, se ten síntomas, pasa a considerarse caso sospeitoso, polo que deberá quedar no domicilio en illamento e seguir as instrucións correspondentes. En consecuencia, deberá solicitar a proba diagnóstica confirmatoria, chamando ao 881 54 00 45.

Toda persoa que realice un test de autodiagnóstico e obteña un resultado positivo, pasa a considerarse caso confirmado, polo que deberá quedar no domicilio en illamento. Os resultados positivos en test de autodiagnóstico débense notificar canto antes cumprimentando o formulario de declaración responsable na web do coronovirus ou chamando ao 881 54 00 45.

O luns activarase un novo protocolo de identificación dos contactos estreitos da covid