Os deputados do PP de Ourense reclaman a recuperación das paradas do AVE na Gudiña en xaneiro de 2026
Os deputados do Partido Popular no Congreso pola provincia de Ourense, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, veñen de rexistrar unha nova pregunta parlamentaria na que reclaman a RENFE e ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a recuperación das paradas do AVE na estación Porta de Galicia – A Gudiña, suprimidas desde o pasado 9 de xuño.
Na iniciativa, os parlamentarios lembran que, desde esa data, miles de usuarios das comarcas ourensás de Monterrei, Viana, Valdeorras, Trives, Conso-Frieiras e A Limia, así como viaxeiros procedentes de comarcas fronteirizas de Portugal, quedaron cunha oferta ferroviaria claramente insuficiente e discriminatoria.
Segundo explican, na actualidade a única alternativa matinal para viaxar a Madrid desde a Gudiña é un tren AVLO ás 12.08 horas, con chegada á capital ás 14.08. Para o regreso no mesmo día, o último servizo sae de Madrid ás 18.06, chegando á estación ourensá ás 20.02 horas. Uns horarios que cualifican de irracionais, inútiles e especialmente prexudiciais para o medio rural.
Antes da supresión das paradas, os usuarios podían tomar un AVE pola mañá e chegar a Madrid ás 10.34 horas, o que lles permitía realizar xestións médicas, administrativas, empresariais ou formativas, así como conexións con outros corredores ferroviarios ou con voos desde o aeroporto de Barajas.
A reclamación dos deputados prodúcese tras unhas recentes declaracións do ministro de Transportes, Óscar Puente, realizadas o pasado 14 de decembro nunha entrevista no Diario de Valladolid-El Mundo, nas que avanzaba un posible anuncio para recuperar as paradas suprimidas na estación de Sanabria, mediante a implantación dunha nova frecuencia matinal relacionada cunha conexión desde Lugo.
Ante este anuncio, o deputado Celso Delgado subliña que calquera rectificación deberá beneficiar tamén á estación da Gudiña, xa que presta servizo a un amplo territorio do oriente ourensán e a usuarios transfronteirizos. Segundo sinalan os populares, non sería aceptable unha solución parcial que deixe fóra a estación ourensá.
Os deputados destacan que, de producirse unha rectificación por parte de RENFE e do Ministerio, sería consecuencia directa da forte presión exercida polas plataformas de usuarios, así como polos representantes políticos e sociais das comarcas afectadas ao longo do corredor ferroviario de alta velocidade Galicia–Madrid.
Por todo iso, na pregunta rexistrada no Congreso interpelan directamente ao Goberno para saber se RENFE e o Ministerio de Transportes rectificarán a decisión adoptada o 9 de xuño e se procederán a restablecer en xaneiro de 2026 as frecuencias eliminadas, especialmente na estación de alta velocidade da Gudiña–Porta de Galicia.