miércoles 19/1/22

A última iniciativa levada a cabo por Melisa Macía consistiu nunhas máscaras personalizadas para todos os veciños de Vilariño

Vilariño de Conso quere reivindicar o seu papel de destino turístico seguro ante o paso do Coronavirus. A localidade dirixida por Melisa Macía non conta con casos activos por este virus e ademais xa comezaron coas primeiras actividades destinadas a dinamizar o turismo na localidade.

Melisa Macía destacou o valor do rural e todas as visitas que están a chegar estes días á localidade, subliñando que a xente que voltou a súa segunda residencia dende Madrid ou Barcelona respetaron todas as medidas establecidas: «A xente anda con precaución, están a gardarse moi ben as distancias como na praia fluvial por exemplo. No museo ou no centro dos cogumelos o primeiro que se fai é tomar a temperatura. Estamos moi contentos co comportamento».

Esta fin de semana levaron a cabo as actividades que se sortearon hai unha semana para promocionar a gastronomía e natureza, anunciando desde o propio consistorio outros eventos de carácter similar ante a boa acollida que tivo o sorteo dos 2 primeiros packs a través das redes sociais.

Para a rexedora o rural cobrou especial relevancia tras o confinamento, sendo un momento crucial para captar turistas, gardando as distancias e vivindo sen medo ante o Covid: «Fixo mella para moita xente que non sabía da calidade de vida do rural, por iso estamos intentando dar ese empuxe que fai falta para que nos visiten, sempre facendo un turismo seguro».

Máscaras

Desde o consistorio adquiríronse para os veciños, un lote de máscaras personalizadas co escudo da localidade e o eslogan "Vilariño de Conso destino seguro". Así mesmo actualmente hai na localidade 50 cativos pertencentes aos campamentos de verán que se levan a cabo na vila.

Entre as medidas para evitar contaxios, aos rapaces tómaselles a temperatura 3 veces ao día, pola mañá, a tarde e a noite: «Leva o dobre de tempo facer as cousas, pero creo que podemos desfrutar as cousas como facíamos antes» subliñou Melisa Macía.

Vilariño de Conso reivindícase como lugar seguro para o turismo