
O proxecto EmprendOU da Deputación de Ourense apoia a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos
A deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, explicou hoxe, no Salón de Plenos do Concello de Vilariño de Conso, as bases do proxecto EmprendOU da Deputación de Ourense aos alcaldes, concelleiros, axentes de desenvolvemento local e mozos emprendedores da comarca de Viana, «concluíndo esta primeira rolda de visitas ás comarcas da provincia de Ourense que comezamos no pasado mes de outubro e coa que pretendemos chegar ao maior número de veciños posible», explicou.
A deputada provincial dixo que a través destas visitas «medrou o número de mozos interesados neste proxecto», mostra disto é que cada vez «son máis as iniciativas empresariais que se suman ao EmprendOU, logrando os nosos obxectivos iniciais de xerar emprego e asentar á mocidade no rural». Por elo, «continuaremos a realizar estes encontros tan produtivos con diferentes asociacións e entidades que así o soliciten», engadiu Luz Doporto.
O proxecto EmprendOU da Deputación de Ourense apoia a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan "municipios elixibles", en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.