Na tarde deste 7 de novembro, concretamente ás 17.00 horas inaugurábase a exposición de Córgomo Arte XI, «Fragmenta», onde os trece artistas participantes aportan olladas diversas sobre o tema proposto.
Esta selecta escolla de artistas está integrada por Manuel Conde e Victorino Núñez, «Torino», creadores de Córgomo Arte. Participan tamén, Roberto Álvarez e Noé Blanco, da Rúa; a ferrolá Sabela Mato; Violeta Bernardo, desde Sarria; a lucense Sabela Arias e o monfortino Arturo Ceide e os mariñáns Julián Bouza, Ignacio Castro "Nachok", Mauro Leivas, Martín Lestao e Belén Mogo.

«Fragmenta é unha viaxe introspectiva que nos reta a atoparnos a nós mesmos, nunha sociedade que nos vai destruíndo, defragmentando e borrando os límites entre o que somos e o que nos vemos obrigados a ser», aseguran desde a organización.

Silvia Fiallega, comisaria da exposición, un ano máis, deu todos os detalles para comprender as obras aínda que recalca que: «Non vos vamos a explicar que quere dicir cada quen. Que cada un saque as súas conclusións e como vos dicimos este ano, pensades por vos mesmos. non hai ningunha conclusión erronea, todo está ben, sempre que o sintades así».

Este e o vídeo da inauguración e a visita a dúas das tres salas das que consta esta exposición:
Roberto Álvarez
O Artista rués presenta dúas obras: “Salto” é unha representación vibrante e emocional sobre como é o salto cuántico ás profundidades do subconsciente e “Autorretrato”, onde o artista define formas desde un plantexamento abstracto que recordan a figuras grotescas e compostas por fragmentos que reitegran un ser roto.

Sabela Arias
“Betanzos” é unha acuarela sobre papel realizada no ano 2019, na que aparecen todas as persoas e situacións, ideas e espazos que conforman unha cidade na que encaixamos. É un espazo feito de anaquiños que cada un dá máis información para acabar sendo un todo. Neste caso, unha vila como Betanzos e toda a xente que alí está, vive, pasa ou pérdese nela.
“Corentena-quarantine” está feita en Oak Park en Illinois, EE. UU. Tamén realizada en acuarela sobre papel, é unha obra realizada en marzo de 2020. Aparecen pequenos grupos nos que a xente se relaciona, como familias, amizades… pero non son grupos pechados, están interrelacionados, cada un deles ten as súas individualidades, as súas particularidades, pero todos forman parte dun grupo, hai un espazo en branco entre cada unha das siluetas e cada unha desas “familias”. e iso produce unha idea de que estamos nun mesmo espazo, particular e tamén común, que existe para todos.
Violeta Bernardo
“Unha das dúas”, escultura de arxila roxa e arxila con manganeso bruñida. Neste tempo que nos tocou vivir temos que desdoblarnos e volvernos a unir coas nosas singularidades e cos rotos que nos deixa o paso do tempo. Ás veces sen saber sequera se somos unha, se somos dúas ou somos miles.
“Canto falta para que me rompa?” de arxila roxa con esmaltes de 1020º A vida vaite rompendo por dentro e obríganos a recompoñernos con esforzo. Fai falla unha grande vontade para non caer no pesimismo e seguir adiante.

Noé Blanco
“Composición con trama verde” Collage, recortes de papel e intervención con bolígrafo. De fragmentos fanse os collages. Partes dun todo. Este en concreto, de poucas, dúas imaxes que se complementan. Asociación de formas que chegan mais aló do formal e o estético, querendo falar do social.

Julián Bouza
“Origami”, gráficos xerados por computadora Impresión dixital en papel. Origami, ou a arte de dobrar papel, esculpir unha forma a través das dobraduras da folla en branco, darlle un propósito máis aló da vacua simplicidade do papel. A nosa historia non é máis ca iso, unha serie de dobreces conformadas para goce desa multitude que queremos nos glorifique e, sen embargo, nos deixa tan sós…
Ignacio Castro «Nachok»
Fotografía dixital. O proxecto expositivo "Derivas" é un relato visual complexo, que reivindica a outra ollada, a que indaga, a que provoca e cuestiona, a que obriga a sentir e intuír. As fotografías de Nachock ofrécennos o goberno da nave e a oportunidade de completar a singradura. “Derivas” tenta recobrar o rumbo que nos podería levar a borrar os límites. Non é un acto revolucionario, pero si intencionalmente obstinado, dirixido a unha observación pausada dos obxectos, das paisaxes e de nós mesmos.
Arturo Ceide
Achega ó conflicto palestino-israelí con “NAQBA”. Nesta obra encarna o muro de Gaza visto desde o lado Palestino. O artista deixa esta obra á disposición dos visitantes para intervir nela e deixar plasmada o seu sentir sobre este conflicto, que deixa un territorio fragmentado e sumido na desesperanza.

Manuel Conde
“Ichspaltung: a escisión do ego” é un termo acuñado por Freud e que determina que dentro do Eu existen dúas actitudes psíquicas para afrontar a realidade. Namentres unha ten en conta a realidade, a outra négaa para substituíla polas pulsións do desexo. Son dúas caras da mesma moeda, coexistes, mais non se inflúen. A obra representa esta contradicción permanente na que nos debatimos entre a razón e o desexo, entre o que somos e o que nos gustaría ser.
“No limiar das vaidades” feita en madeira de freixo, ferro e pedra. Sitúase na fina liña que separa a eterna contradicción entre o noso eu máis íntimo e o papel que nos vemos impulsados a representar de cara ós demais para ocupar un espazo nunha sociedade que nos pauta o camiño da “normalidade” para a súa aceptación e integración na manada.

Mauro Leivas
En "Divide e vencerás" parte de anacos de papeis de arroz, sucios despois de limpar os pinceis, rexuntados nunha colaxe que vai construindo unha estructura xeolóxica e paisaxística na que se amorean criaturas, arquitecturas, atmosferas...
En "Derradeiros anacos dos polos" a decadencia e a fragmentación van da man nesta imaxe fría e distante, tratada milimétricamente para sinalar que a suma das partes é algo mais có todo. O supremacismo ideolóxico de Europa/Occidente que ignora e despreza outras culturas para esquilmar os recursos globais e achaiar a diferencia, a variedade, a identidade, a independencia.

Martín Lestao & Belén Mogo
Con Empoderada I e Empoderada II declaran a súa intención de reivindicar e poñer en valor a figura de dúas mulleres empoderadas na época que lles tocou vivir, Frida Kalo e Rosalía de Castro, mais tamén das mulleres anónimas que loitaron polos seus dereitos. Todas elas tiveron que endurecerse, ó igual có material co que están realizadas estas obras, para rebelarse e enfrontarse a un mundo que non as quería libres. Unha verdade inmutable no tempo.

Sabela Mato
“Ruptura dunha casa en CMYK” son dúas obras pertencentes á mesma colección de serigrafías (1/6 e 2/6), abordando a temática “Fragmentum, Fragmenta. Todo cambia, nada é”. A través destas dúas pezas, busco explorar a ruptura na percepción dunha estructura aparentemente imposible. A representación desta casa experimenta unha fractura nas tonalidades CMYK, levando ao espectador a unha experiencia visual surrealista e desconcertante.
Victorino Núñez «Torino»
“Dama mata ó dragon” en madeira de cerdeira e castiñeiro (base) e “Flor da paixón” feita en Madeira de cerdeira e castiñeiro (base).
