Enrique Álvarez: «Queremos que os grupos se estendan onde hai vida»

Enrique Álvarez: «Queremos que os grupos se estendan onde hai vida»
O Concello de Vilamartín de Valdeorras aposta por unha festa aberta e participativa que busca recuperar o espírito das antigas xuntanzas nas adegas e nas rúas do pobo

Unha canción nunha rúa, unha copa de godello e un grupo de amigos arredor dunha adega. Córgomo quere volver a esa imaxe coa Florenciada

Córgomo non quere unha festa para mirar desde fóra. Quere unha desas celebracións nas que a música aparece dobrando unha esquina, nas que alguén acaba cantando sen telo previsto e nas que a xente se vai atopando polas rúas case sen darse conta. Ese espírito de troula compartida, tan ligado á memoria das adegas e das reunións de antano, volverá este sábado á parroquia de Vilamartín de Valdeorras coa nova edición da Florenciada, unha cita que mesturará cantos de taberna, xogos tradicionais, artesanía, gastronomía e cultura popular arredor da figura de Florencio Delgado Gurriarán.  

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, explicou que a celebración nace precisamente dese desexo de recuperar a esencia do que facía Florencio cando regresaba do exilio e volvía á súa terra. «A Florenciada ven a ser un pouco o recordo do que facía Florencio cando viña a Córgomo», comentou, lembrando aquelas xuntanzas “polas bodegas cos amigos, de troula, a cantar”.  

Lonxe dun formato ríxido, o Concello aposta por unha festa aberta e espontánea. «Queremos que os grupos se estendan onde hai vida», asegurou o rexedor, explicando que a intención é que os cantos de taberna vaian aparecendo en distintos puntos do pobo segundo avance o día, creando ambiente arredor dos postos, das mesas e dos grupos de amigos que se xunten pola parroquia.  

A programación contará con cinco grupos de cantos de taberna, clases de baile tradicional, música durante toda a xornada, actividades infantís e unha feira con 24 postos de artesanía distribuídos polas rúas de Córgomo. A oferta completarase con distintos espazos gastronómicos, entre eles postos de arroz e polbo.  

«O que se trata é de recordar o que se facía nas covas e nas bodegas de Córgomo», explicou Álvarez Barreiro, que animou aos asistentes a participar da troula de maneira activa. «Se algún ten algún instrumento, que o suba tamén, que queda moi bonito», sinalou.  

Outro dos grandes símbolos da xornada volverán ser os bolos, un xogo tradicional profundamente arraigado na parroquia e na montaña valdeorresa. A Praza dos Bolos acollerá partidas e actividades para que os máis pequenos descubran como se divertían xeracións enteiras antes de que o ocio cambiase por completo.  

«Queremos que os nenos vexan como nos divertiamos hai 50 anos», comentou o alcalde, que lembrou tamén os seus anos de infancia xogando aos bolos e á billarda. O rexedor destacou ademais o ambiente competitivo que existía entre aldeas arredor deste xogo. «Había moito pique entre pobos», recordou, explicando como as festas tradicionais xiraban arredor da misa, da comida e das partidas de bolos ata a chegada da música pola noite.  

A Florenciada incluirá tamén xogos para nenos desde primeira hora da mañá, a apertura dunha exposición de Begoña Caamaño e distintas actuacións ao longo do día. Pero máis alá da programación oficial, desde o Concello insisten en que o importante é recuperar unha forma de relacionarse e celebrar que forma parte da identidade de Córgomo. «Non queremos establecelo como algo moi estricto», explicou o alcalde, defendendo unha festa que se constrúa de maneira natural polas rúas da parroquia.  

Enrique Álvarez Barreiro convidou a toda a comarca a achegarse este sábado á Florenciada. «Non vos perdades porque vai ser moi chulo, moi bonito e moi divertido», afirmou. E fíxoo cun último guiño ao viño da zona: «Xa sabemos que o mellor godello do mundo está en Valdeorras, e o mellor godello de Valdeorras está en Córgomo»