
A equipa de Córgomo Arte abre as portas a unha nova edición do seu certame artístico baixo o título “Fendas”, unha proposta que busca crear gretas de esperanza nun presente que a miúdo desilusiona sobre o futuro. Este sábado, 7 de decembro, ás 17:00 h., celebrarase a inauguración oficial, un convite a rachar coa apatía a través da arte e a reivindicar o esforzo compartido como camiño cara a unha vida digna, libre de estigmas e etiquetas.
Esta edición mantén a filosofía de Córgomo Arte: ser un espazo de dobre dirección no que o obxectivo non é ofrecer respostas, senón promover as preguntas axeitadas. O espírito crítico e reflexivo guía a mostra deste ano, que conta coa participación de oito artistas que interpretan o tema “Fendas” desde perspectivas únicas e técnicas diversas, co propósito de cuestionar a responsabilidade individual nunha sociedade abafante.
Os impulsores do proxecto, Manuel Conde e Victorino Núñez “Torino”, dan a benvida ás obras de artistas como Roberto Álvarez, Noé Blanco Carracedo, Arturo Ceide, Elías González Araújo e Mauro Leivas. Ademais, esta edición destaca pola participación especial de Sabela Arias Castro, artista convidada, cuxa obra representa un renacemento persoal e artístico tras superar un difícil trance. As súas creacións exploran a forza, resiliencia e esperanza, converténdose nunha introspección á adversidade que conecta directamente co espírito do certame.
A exposición poderá visitarse ata o 5 de xaneiro de 2025, os fins de semana e festivos, de 10:00 h. a 22:00 h. Unha oportunidade única para achegarse a unha arte que non só decora, senón que interpela e remexe conciencias.