
Falta apenas unha semana para que se celebre a Festa Coveira de Arcos. A "ruta das covas" é unha das iniciativas máis esperadas do verán. Nesta ocasión, as de Arcos estarán «dedicadas a todos os amigos que están aí sempre. Sobre todo a un dos membros da Asociación que pasou un mal rato, que é Manolo», así o reflexa Montse Mayo, membro da Asociación Coveiros.
«Sacamos 800 en venta anticipada e quedan 200 para "taquilla". Foi un visto non visto», explica Carlos López, membro da organización. Para aquelas persoas que estean interesadas en acudir, como o evento comeza ás 20:00, «poderase comezar a comprar dende as 19:30». É necesario recordar que hai unha capacidade limitada de 1000 persoas, «para que podamos atender a xente como se merece», asegura Montse.
Un dos obxectivos da organización para diferenciarse é «desfrutar o entorno natural, pódese entrar nunha cova de 300 anos escavada polos nosos antepasados», di Carlos. A maiores, cada un dos recintos terá pinchos diferentes —sumados os comúns—, farase unha churrascada e pancetada.
A procesión de Don Godellín
«Houbo un tema de rivalidade co viño entre O Barco e Monterrei», así naceu esta idea segundo conta Carlos. O que se pretende con esta iniciativa é que «todo o mundo saiba que o único patrón que hai do Godello é Don Godellín».
A tradición é que o "santo", cando se remata a festa, vai por cada unha das covas pechándoas. «Cada ano vai collendo máis devotos porque os merece», explica o membro da organización.
A música está garantida
Este ano, por segunda vez consecutiva, Abertal volverá amenizar o recorrido das rutas. Na parte de arriba «estará DJ Isra e ao remate, na praza do pobo estará DJ Tariro», comenta Carlos López.