
O Concello de Viana do Bolo presenta unha axenda variada para desfrutar do Nadal en familia, que inclúe actividades culturais, lúdicas e tradicionais destinadas a pequenos e maiores.
Concurso de escaparates
A creatividade e o espírito festivo toman protagonismo co Concurso de Escaparates, que xa daba comezo o pasado 23 de decembro e finalizará o 6 de xaneiro. Desta maneira, os comercios locais poderán exhibir as súas creacións de nadal.
Ludoteca de Nadal
Os máis pequenos contarán cun espazo pensado para eles na Ludoteca de Nadal, situada no Pavillón Municipal, aberta durante o mesmo período, do 23 de decembro ao 6 de xaneiro.
O Barrio de Belén, un encontro único
O tradicional Barrio de Belén será unha das citas máis esperadas do Nadal. Poderá visitarse o 29 de decembro ás 16:00 horas no Cabo de Vila, onde a maxia encherá todas as rúas da zona coa axuda dos veciños.
Visitas dos Paxes Reais e Cabalgata de Reis
Os Paxes Reais percorrerán as aldeas de Viana o 3 e 4 de xaneiro, levando ilusión e recollendo as cartas dos cativos e cativas para os Reis Magos.
O broche final das festas será a tradicional Cabalgata de Reis, que terá lugar o 5 de xaneiro. Comezará coa visita ás residencias locais e rematará na Praza Maior, onde os cativos poderán ver a Melchor, Gaspar e Baltasar.