domingo. 21.04.2024
somoscomarca_240213_agudiña_viana_ou533_km4

A Xunta vén de encargar a redacción do proxecto de acondicionamento da estrada OU-533 entre Viana do Bolo e a Gudiña. Trátase de desenvolver o proxecto de trazado proposto no marco do estudo previo realizado para executar as melloras necesarias nesta vía autonómica.

O estudo divide a OU-533 en 4 sectores: a variante da Gudiña, desde o quilómetro 0 ao 1; o propio treito da Gudiña e Viana do Bolo, desde o quilómetro 1 ao 15; a variante de Viana do Bolo, entre o quilómetro 15 e o 22+500; e o tramo entre Viana do Bolo e A Rúa, desde o quilómetro 22+500 ao 50.

A estrada ten unha lonxitude de 50,1 quilómetros, unindo a N-525 na Gudiña coa N-120 na Rúa. O citado estudo propón o acondicionamento da estrada ata conseguir uns parámetros de trazado homoxéneos, mellorando os actuais e permitindo unha condución cómoda, segura e axeitada á velocidade establecida de 90 qm/h.

O treito obxecto dos traballos de redacción que se están a iniciar correspóndese co tramo da OU-533 entre A Gudiña e Viana. O obxectivo é redactar un proxecto de trazado nesta zona máis prioritaria, de 15 quilómetros de lonxitude, na que practicamente non se poden realizar adiantamentos.

A redacción deste proxecto abranguerá as propostas de mellora desta estrada OU-533, entre os puntos quilométricos 1+000 e o 16+500, no que se considerarán solucións combinadas de mellora de interseccións, renovación da capa de rodaxe, sinalización, balizamento e defensas; así como actuacións para o incremento e a mellora de zonas de adiantamento, principalmente mediante a implantación de carrís adicionais, ou melloras locais de trazado.

O proxecto permitirá estudar e desenvolver a solución óptima, co detalle suficiente para facer factible a intervención e a posterior información pública, de ser necesaria. Neste treito entre A Gudiña e Viana deseñarase a execución dun novo trazado sobre a base da estrada actual, cunhas actuacións relevantes para dotalo de carrís adicionais de adiantamento entre os puntos quilométricos 1+300 e 14+900, así como para a rectificación de 31 aliñacións de curvas.

O custo da actuación estímase en máis de 15 millóns de euros, aínda que o investimento final concretarase no proceso de redacción do proxecto de trazado. A previsión é ter redactado este proxecto co fin de iniciar a información pública no segundo semestre deste mesmo ano.

A redacción do proxecto desta actuación na estrada OU-533 enmárcase no servizo de redacción de proxectos en materia de estradas nas catro provincias que foi licitado pola Xunta por importe de 4 M€.

Este contrato de servizo divídese en 4 lotes, un por provincia, e permite atender as necesidades de redacción de proxectos nos próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación de estradas autonómicas.

Comeza a redacción do proxecto para o acondicionamento da OU-533 entre Viana e A Gudiña