
O Concello de Manzaneda pecha un 2024 cheo de avances en proxectos segundo destacou o alcalde, Amable Fernández, nun balance anual. As actuacións abrangueron dende melloras en infraestruturas e servizos básicos ata o impulso do patrimonio cultural e a promoción turística do municipio.
«Este ano logramos acometer dúas obras fundamentais. A primeira, a reforma do abastecemento de auga en Raigada, cun custo de 56.000 euros. Levabamos dous anos detrás dela e, grazas á paciencia dos veciños, conseguimos que este verán non faltase a auga», explicou Fernández. A segunda gran intervención foi a reforma das rúas da urbanización do Poblado, cun investimento de 90.000 euros, que permitiu renovar catro rúas con acabados duradeiros.
En colaboración coa Deputación de Ourense, o Concello destinou 20.000 euros para materiais destinados a reparar baches en Paradela, dirección á Estación de Montaña de Manzaneda, e tamén na subida a Placín. Ademais, grazas á subvención Red Natura 2000, iniciouse a restauración do lavadoiro de Langullo, continuando coas actuacións prioritarias.
Proxección cultural e recoñecemento de montaña
Este 2024 foi especial para Manzaneda ao ser elixida, xunto con outros tres concellos, como Capitalidade de Montaña. «Aproveitamos esta oportunidade para promover os valores naturais da zona e creamos a marca Merca de Manzaneda, que busca apoiar aos produtores locais e potenciar a súa visibilidade en eventos como Xantar en Ourense», indicou o alcalde.
A parte cultural mantivo o seu peso ao longo do ano con eventos destacados como os Cantares da Xeitura, que conservan vivas as tradicións da zona, o Campionato de Banda de Gaitas na Estación de Montaña, e o Entroido, que Fernández cualificou como «unha das nosas tradicións máis queridas e con futuro garantido grazas á implicación da mocidade».
Proxectos e retos para o futuro
Unha das noticias máis relevantes do ano foi a notificación dun orzamento de máis de 300.000 euros para a reforma da residencia de maiores de Manzaneda, que está previsto iniciar en 2025. «É unha actuación desexada e necesaria que levaremos a cabo con residentes dentro, o que será todo un reto», afirmou o alcalde.
No ámbito sanitario, Fernández recoñeceu melloras tras meses sen un médico fixo, destacando o labor da actual doutora e das enfermeiras, pero subliñou a importancia de garantir continuidade no servizo para que así a atención aos veciños «sexa mellor».
Por último, a acollida dunha etapa de La Vuelta foi un dos momentos máis destacados do ano. «Foi impresionante. Somos un concello pequeno, pero a afluencia de xente superou as nosas expectativas», concluíu.
O Nadal en Manzaneda
O Concello de Manzaneda presenta un completo programa de Nadal que combina tradición, entretemento e actividades para todas as idades. As propostas, que se desenvolverán entre o 20 de decembro e o 5 de xaneiro.
Na programación, o día 26 de decembro, os Bolechas e inchables farán as delicias dos máis pequenos no Multiusos de Celeirós. O 27 de decembro será unha tarde de baile e música tradicional no Centro Interxeracional, coa participación de "Baile A Pinguela", as pandereiteiras "Quinchosa Oscura" e un grupo de gaita e percusión. A xornada rematará coa chegada do Pandigueiro, un personaxe típico destas datas, dende a Serra de Manzaneda.
Diversión infantil e maxia na Cabalgata de Reis
Entre o 2 e o 4 de xaneiro, o pavillón municipal será o escenario do Brinca-Manzaneda, un espazo de xogos e actividades para nenos de 15.30 a 19.30 horas. Finalmente, o 5 de xaneiro, os Reis Magos percorrerán Manzaneda, partindo ás 18.00 horas dende o colexio, con paradas no Belén da praza do Concello e na residencia de maiores. A noite pechará cunha recepción no Centro Interxeracional, onde entregarán agasallos a todos os rapaces e compartirán unha chocolatada.