viernes. 19.04.2024
somoscomarca_quiroga_piraguismo_campeonato_galego_2021_09_18 (11)
Quiroga pode ter os tres recoñecementos que concede a UNESCO

O municipio de Quiroga conta con tres recoñecementos internacionais  ao seu patrimonio natural: Xeoparque mundial, Rede Natura 2000 cos LIC Ancares – Courel e Macizo Central; e o máis recente, Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e serra do Oribio – Courel.

Quiroga ten dous dos tres recoñecementos que concede a Unesco – Xeoparque e Reserva da Biosfera – e aspira, da man da Ribeira Sacra, á ser tamén Patrimonio da Humanidade. De concederse esta última distinción, soamente Quiroga e Ribas de Sil terían estes tres recoñecementos en toda Galicia.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, amosouse máis que satisfeito por ter acadado xa estas figuras relacionadas co patrimonio natural e cultural do municipio durante os anos que estivo ao fronte do goberno municipal.

A totalidade do territorio do municipio de Quiroga está incluída no Xeoparque Montañas do Courel. Este municipio xunto do de Ribas de Sil e Folgoso do Courel recibiron este recoñecemento mundial pola Unesco no ano 2019. Un recoñecemento que se da en base á existencia dun patrimonio xeolóxico importante, traballos de conservación e divulgación e iniciativas de desenvolvemento socioeconómico e cultural da zona.

 A conservación e a promoción turística son polo tanto dous dos piares que sustentan este recoñecemento que culminou un traballo de varios anos, pero que non é a única figura de recoñecemento e protección do noso municipio.

O pregamento deitado de Campodola – Leixazós é un dos puntos clave do Xeoparque, pero xa contaba con recoñecementos antes desta distinción. Este punto de unión das dúas masas continentais que deron lugar a formación dun novo territorio - a Galicia que hoxe coñecemos -, xa está catalogado dende o 2011 como Lugar de interese xeolóxico español de relevancia internacional (GEOSITES).

Este proceso de choque que fixo que emerxese a terra e se pregase pode verse con claridade neste punto que tamén foi declarado monumento natural o 26 de abril de 2012.

Pero o municipio de Quiroga ten moitos máis puntos merecedores de conservación e recoñecemento. Por eso boa parte do territorio forma parte da Rede Natura 2000 (concretamente o 36´83 %) unha rede europea de espazos naturais protexidos que inclúe os LIC (Lugares de Importancia Comunitaria).

Os LIC son zonas designadas de interese comunitario pola súa potencial contribución a restaurar o hábitat natural, incluídos os ecosistemas e a biodiversidade da fauna e a flora silvestres. E dentro destes espazos protexidos temos as parroquias de A Seara, Outeiro, Bustelo de Fisteus, Cereixido, Vilarmel, A Ermida, Hospital, Vilar do Lor, Quintá do Lor e Augasmestas, que forman parte do LIC Ancares – Courel. Este mesmo territorio está incluído dentro do que se denomina Serra do Courel.

E tamén as parroquias de Vilanuide e A Enciñeira forman parte do LIC  do Macizo Central.

Estes dous territorios presentan un contraste moi acusado o que tamén supón dous ecosistemas moi diferentes. A parte do LIC Ancares - O Caurel está marcada por unha orografía con perfiles vertixinosos, de estreitos vales encaixados entre ladeiras en algúns puntos case verticais, que acollen un gran número de especies de flora e de fauna. Mentres que a parte pertencente ao  LIC do Macizo Central acolle a presencia de pastos e bosque autóctono mesturado con bosque mediterráneo.

Ademais dende o pasado setembro o municipio de Quiroga tamén forma parte da reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. Esta distinción internacional ben dada polo interese científico ecolóxico, biolóxico e cultural cun desenvolvemento da zona como punto clave na procura da súa sostibilidade.

Quiroga pode ter os tres recoñecementos que concede a UNESCO