
Os empregados do Obradoiro Sil Lor efectuaron varias obras de mellora e aproveitamento de espazos na vila
O Concello de Quiroga ven de acometer nas últimas semanas unha serie de obras destinadas a ampliar os servizos para os veciños da vila e así mesmo eliminar espazos degradados na vila.
Entre as reformas feitas na vila encóntranse as realizadas polos traballadores do Obradoiro de Emprego Sil Lor, na mañá do xoves comezaron ca limpeza na zona da praza Maior, onde se están levando a cabo traballos de mantemento nas escaleiras do cruceiro que preside a praza, lugar emblemático segundo destacou o alcalde Julio Álvarez.
Así mesmo en próximas datas daráselle unha volta á parede que rodea este espazo para arranxar algún que outro desfeito e traballarase na reparación do empedrado deste barrio antigo da vila quiroguesa. Nas últimas xornadas realizouse o arranxo do firme na rúa Real á altura do entronque da rúa Victorino Núñez, que consisten na colocación de formigón nun pequeno tramo que estaba medio afundido polo soterramento de cableado eléctrico.
Por último os membros do obradoiro de emprego efectuaron o pintado do muro da praza do Albergue Municipal na parte que da ao Colexio de Educación Infantil e Primaria, cunha composición xeométrica de vistosas cores. «Está en consonancia cos usuarios que o ven, que son os escolares, e fai máis amena a saída e entrada do colexio» salientou Álvarez.
Nesta última reforma eliminouse a grava da zona dos bancos para substituíla por pavimento de cuarcita e colocouse chapa de granito como revestimento nas escaleiras de acceso, ademais de eliminar un saínte que quedaba fora da varanda e que os nenos utilizaban como zona de xogo co conseguinte perigo.
Tamén deuse comezo as obras dunha área de lecer con estacionamento de caravanas, que ven a completar unha zona escolar-deportiva que demandaban os usuarios, nunha zona que estaba infrautilizada. As melloras inclúen o dotamento na zona de auga e saneamento cun orzamento de 48.382 €, incluídos no convenio de colaboración do Concello de Quiroga e a Axencia Galega de Turismo.
Xornadas do Xeoparque
A vila acolleu a pasada fin de semana acolleu as xornadas do Outono Xeolóxico que está a desenvolver o Xeoparque Montañas do Courel nos tres concellos que o integran (Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga), que consistiron en varias conferencias e saídas de campo, destacando Julio Álvarez o éxito que tiveron debido a alta participación para a súa vez por en valor o patrimonio natural da zona.
Foto cedida.
Se desexa escoitar todo o que contou Julio Álvarez, alcalde de Quiroga, pode facelo na seguinte ligazón: