
O Concello de Quiroga vivirá este mes de agosto cunha intensa actividade festiva e cultural que comeza o día 7 e se estende ata o 11, cunha programación para todos os públicos e cun claro compromiso co impulso económico e a posta en valor do territorio. Así o explicou o alcalde, José Luis Rivera, nunha entrevista radiofónica concedida a Radio Valdeorras Onda Cero, onde destacou o papel fundamental destas festas para a dinamización do municipio.
«As festas son unha inversión, non un gasto», afirmou Rivera, quen lembrou que a pasada edición tivo un custo duns 70.000 euros pero xerou un retorno estimado de 2 millóns: «Hostalería, restauración, supermercados e comercio en xeral vense beneficiados. É unha maneira de dar vida ao rural, que tanto o precisa».
A programación comeza o xoves 7 cun concerto do grupo local Mario Colomán & The Clocks Band na Praza de España, «unha aposta clara polo talento da casa». O venres 8 chegará o espectáculo infantil da Nena Lentella pola mañá e, xa pola noite, un dos pratos fortes: Roi Casal en concerto e o grupo Asia na Rúa Real.
O sábado 9 continúa cun amplo abano de propostas: a maxía co Mago Antón, na Praza do Auditorio pola mañá; sesión vermú con Noallkansas na Praza Rúa Lago; e, xa pola noite, concerto de Luar na Lubre e un tributo a Joaquín Sabina. «Hai programación para todos os públicos: desde os máis pequenos ata os amantes da música tradicional ou os que buscan festa nocturna», explicou o rexedor.
O domingo 10 celebrarase unha nova edición da Mostra do Mel, que cumpre 34 anos e contará con oito apicultores locais. «Temos que seguir apoiando produtos como o mel, o viño ou o aceite da nosa comarca, dándolles o valor que merecen», salientou Rivera. A xornada rematará coa actuación da Orquestra Panorama, xa un clásico en Quiroga.
Finalmente, para pechar o mes, terá lugar unha nova edición de Qui-Roma, a festa romana, os días 29 e 30 de agosto. «Este ano adiamos as datas para evitar coincidir coas festas doutros núcleos próximos como Ribas de Sil ou a Rúa. Coordinarnos é clave para que todos podamos desfrutar», destacou.
O alcalde concluíu cun convite aberto a toda a cidadanía: «Desde o Concello animamos a todo o mundo a achegarse a Quiroga. Temos música, tradición, cultura e, se o tempo acompaña, seguro que serán unhas festas inesquecibles».