viernes. 19.04.2024

As vivendas en desuso do Concello de Rubiá poderán entrar na bolsa de alugueiro social que a Xunta de Galicia xestiona co Programa Vivendas Baleiras, destinado a poñer no mercado vivendas que levan tempo pechadas facilitando unha renda sostible a familias que o necesiten. O alugueiro máximo establecido no programa é de 250€ ó mes, e as vivendas disporán dun seguro multirrisco e de asistencia xurídica proporcionada pola Xunta, para darlle tranquilidade ós propietarios.

A incorporación de Rubiá a este programa formalizouse coa sinatura dun convenio entre a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez. O obxectivo prioritario deste Programa de Vivendas Baleiras é crear unha bolsa de casas para alugueiro social, incorporando as vivendas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas contando, para isto, coa colaboración das administracións locais.

Este acordo fixa un prezo máximo da renda do aluguer –de 250 €–, e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios. Trátase de que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario: que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira a este programa pola renda que vai recibir e que o beneficiario pague un alugueiro asequible que é compatible, ademais, con outras axudas que poida percibir, tanto do Concello, como da Xunta, como o Bono de Alugueiro Social.

As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, xa que se financian un seguro multirrisco do fogar e un de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios.

Rubiá súmase ó Programa Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia