
Rogelio Diéguez, empresario rúes que dirixiu ata a súa xubilación Pinturas Diéguez, cambiou a brocha gorda polo fino pincel para crear arte. A súa afección venlle desde neno. Xa alí, en Freixido —de onde é natural— collía ás sábanas e pintaba nelas, «pero non había coñecementos, nin medios. Na vida vas adquirindo coñecementos de todo».
A raíz da súa xubilación dedicouse ao que realmente lle enchía o que é a súa paixón; pintar no lenzo. «Era una afección que tiña desde moi xove. Desde os dezasete anos ou así, xa me gustaban estas cousas», recoñece na conversa.
Aos 16 anos fixo un curso de debuxo artístico por correspondencia, pero «tiven que parar porque emigrei a Paris. Tirei alí ata o ano 64 que viñen a facer a mili e despois xa fundei a empresa de Pinturas Diéguez e, xa tiven que atender ao que tiven que atender que era o que daba cartos».
É máis partidario da pintura realista, coller unha foto e darlle vida. «Gústame complicarme no realismo, son obras que levan moito máis tempo. O impresionismo, fago algo de vez en cando. Quería meterme un pouco no abstracto pero non teño moitas ideas, son novato. Aínda que novato son en todo, isto é unha afección».
Pinta ao óleo, aínda que ten algunha obra en acrílico, nesta modalidade recoñece quen non da «atopado o truco, Son pinturas que secan moi rápido». Porén, «o óleo permíteche xogar como queres, son máis lentas, podes mover e tocar como queiras».

Faille moita ilusión estar nesta nova edición da Marco Petín. «A verdade é que o ano pasado comentáranme que en Petín se ía facer unha exposición. Sen querer, apareceron por aquí, vou intentar expoñer o que eu fago. Guste ou non guste é a crítica a que ten que decidir»
Entre 20 e 30 cadros, aínda que ten moitos máis, estará o do muíño de Padroalbar, «é unha foto que fixen no 2007, agora iso está totalmente destruído. Nese momento era tal e como se observa no cadro. Deume por pintala no 2019, máis ou menos»
As pontes romanas da comarca tamén están pintadas por Rogelio Diéguez e de seguro tamén colgarán dalgunha das casas do Vello Petín. A da Cigarrosa, a Ponte Bibei, a de Navea ou a de Montederramo.

Mentres conversando Rogelio traza un boceto que ao remate serán «as casas de colores de Venecia, unha zona onde están os pescadores. Dice moi bonito polo contraste de colores».
Algún dos cadros que fai son peticións de amigos, outros están a venta e outros quedarán para a súa neta. Ten retratos da súa muller (os que máis), do seu pai, da súa voda, de paisaxes...