As dez da mañá, as bombas de palenque romperon o silencio do val anunciando que en Carballal, no concello de Petín, era día grande. Aínda que a festividade de Santa Apolonia celébrase oficialmente o 9 de febreiro, os veciños reuníronse este 7 de febreiro para honrar á santa nunha xornada na que non faltaron nin a devoción nin as ganas de celebrar.
Dende primeira hora, o son das bombas deu paso aos preparativos nas casas. Era tempo de comida de festa, de vestir as mellores galas e de achegarse á igrexa para cumprir coa tradición. A procesión estaba prevista para abrir os actos, pero a chuvia persistente obrigou a cambiar os plans. Parroquianos, devotos e sacerdotes consensuaron agardar e celebrar primeiro a misa, confiando en que o tempo dese unha pequena tregua.
A eucaristía estivo oficiada polos párrocos Daniel Pérez e Severino Pérez, nun ambiente recollido e participativo. Ao rematar a misa, a chuvia continuaba, pero a decisión foi clara, Santa Apolonia tiña que saír, aínda que fose uns poucos metros. E así foi. A imaxe percorreu o camiño desde a igrexa ata a aira e regreso, nun traxecto breve pero cargado de simbolismo. Como comentaba un dos presentes, «polo menos veu o día, que leva un ano encerrada».
Ata Carballal achegáronse veciños non só de Petín, senón tamén da Rúa e do Barco, para pedirlle á santa protección e alivio dos males da boca e dos dentes, unha devoción que se mantén viva co paso do tempo.
Santa Apolonia, protectora dos males dentais
A festividade de Santa Apolonia celébrase cada ano o 9 de febreiro e é coñecida como a patroa dos dentistas, odontólogos e das persoas que sofren dores dentais. Segundo a tradición, Apolonia foi unha mártir do século III, que viviu en Alexandría, Exipto. Durante unha revolta contra os cristiáns, foi sometida a torturas, entre elas a rotura ou extracción de todos os seus dentes, antes de morrer na fogueira.
Na iconografía relixiosa represéntase habitualmente cunhas tenaces sostendo un dente, símbolo do seu martirio e da súa intercesión contra as doenzas bucais.
Unha tradición que resiste
A pesar da chuvia e da sinxeleza da celebración, Santa Apolonia volveu cumprir en Carballal. Unha festa pequena, sen grandes alardes, pero fondamente sentida, que segue unindo xeracións arredor da fe, da memoria compartida e do orgullo de manter vivas as tradicións do rural.
