martes. 28.11.2023
-12.00 horas: Entrega do título de fillo predilecto da provincia de Ourense a título póstumo a José Quiroga .- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, copresiden o acto de entrega do título de fillo predilecto da provincia de Ourense a título póstumo a José Quiroga Suárez (Petín, 1920 - A Rúa, 2006), presidente da Xunta de Galicia entre 1979 e 1982. Lugar: Salón de plenos do Pazo Provincial.
O petinés José Quiroga recibe a título póstumo a distinción de Fillo Predilecto da provincia

O expresidente da Xunta de Galicia e médico José Quiroga Suárez (Petín, 1920-A Rúa, 2006) recibiu hoxe a título póstumo a distinción de Fillo Predilecto da provincia, "como homenaxe e recoñecemento do pobo de Ourense a un dos grandes prohomes da autonomía galega e figura vital no desenvolvemento do autogoberno", que coa súa contribución "acadou para Galicia catro décadas de benestar e progreso", segundo recolle a acta do expediente de honras.

A familia do político ourensán recolleu o título nun solemne acto celebrado este mediodía no salón de plenos da Deputación de Ourense, copresidido polos presidentes do goberno provincial, Manuel Baltar, e da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañados polo presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; familiares do homenaxeado; os alcaldes de Petín -Raquel Bautista- e A Rúa -Álvaro Fernández-; representantes da provincia no Congreso e o Senado; parlamentarios autonómicos, cargos institucionais e membros da corporación provincial.

En representación da familia, o fillo do homenaxeado José Ramón Quiroga Gayoso recordou ao seu pai coma un "medico rural dedicado permanentemente á súa familia, e ocasionalmente á política", do que "aprendimos a importancia da familia, e que a familia pode con case todo". 

A biografía de José Quiroga é unha parte fundamental do desenvolvemento político da Galicia democrática. Nacido en 1920 nunha familia de tradición liberal-conservadora, licénciase en Medicina na Universidade de Santiago con premio extraordinario de fin de carreira e diplómase en Cardioloxía pola Universidade de Barcelona. Despois, Quiroga volta a súa terra para traballar na consulta do seu pai.

Este vencello a Galicia -e máis concretamente á provincia de Ourense e a súa comarca, Valdeorras- vehiculará toda a súa traxectoria pública e profesional. Tras abrir un consultorio na Rúa, é alcalde deste municipio entre 1953 e 1956. A súa carreira política da un novo pulo coa fundación de Acción Política Orensana xunto a Eulogio Gómez Franqueira, grupo que se unirá primeiro ao Partido Popular de Pío Cabanillas e despois á UCD de Adolfo Suárez.

Coa constitución da Xunta de Galicia preautonómica, José Quiroga asume un papel capital na política galega. Foi conselleiro de Sanidade na etapa de Antonio Rosón (1977-1979), ao que relevará ao fronte do goberno galego. Presidente da Xunta de Galicia desde xuño de 1979 ata xaneiro de 1982, vive en primeira persoa a aprobación do Estatuto de Galicia e a progresiva construción da institución autonómica.

En paralelo mantivo un papel destacado en Madrid. Na lexislatura constituínte de 1977, José Quiroga convértese no senador máis votado de Galicia. Na Cámara Alta estará ata 1986. Tres lexislaturas nas que o valdeorrés realizará unha intensa actividade en materias de sanidade, dereitos humanos ou na comisión do Defensor del Pueblo.

José Quiroga militou posteriormente en Coalición Galega e Alianza Popular. E sempre mantivo aberta a súa consulta na Rúa ata a súa xubilación. Ese medio século de profesión médica axuda a completar o perfil dun home familiar, cunha potente vertente académica e que deixou un profundo recordo entre os seus veciños. Morreu en 2006, co recoñecemento colectivo de contribuír dun xeito decisivo a Galicia dende posicións moderadas, mantidas dun xeito coherente ao longo de toda a súa vida.

O petinés José Quiroga recibe a título póstumo a distinción de Fillo Predilecto da...