sábado. 20.04.2024
Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) para propoñer a José Quiroga Suñarez como "Fillo prediclecto da provincia de Ourense" acompañado de Raquel Bauitsta Carballo (Alcaldesa do concello de Petín), José Alvaro Fernández López (Alcalde do Concello de A Rua) e Miugel Bautista Carballo (Senador do PSdeGa-PSOE).
A Deputación promove o nomeamento do petinés José Quiroga como fillo predilecto da provincia

A Deputación de Ourense promoverá o nomeamento de José Quiroga Suárez (Petín, 1920- A Rúa, 2006) como fillo predilecto da provincia a título póstumo. O presidente provincial, Manuel Baltar, acordou impulsar este expediente de honra tras unha reunión no Pazo Provincial coa alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, o alcalde da Rúa, Álvaro José Fernández, e o senador Miguel Bautista.  

Manuel Baltar resalta a transcendencia de José Quiroga, presidente da Xunta de Galicia entre 1979 e 1982, unha figura vital no desenvolvemento do autogoberno galego e a consolidación da institución autonómica. "A Deputación provincial que presido acolle con absoluta satisfacción e todo o impulso posible ese merecido recoñecemento a José Quiroga. Unha distinción formulada xunto os alcaldes da Rúa e Petín que, ao igual que a Deputación, a levarán aos seus respectivos plenos para iniciar o expediente como fillo predilecto da provincia. Unha idea tamén acreditada polo senador Miguel Bautista".  

Esta homenaxe é, polo tanto, froito da cooperación interadministrativa e transcende as dinámicas partidistas, na liña do traballo diario da Deputación de Ourense e do propio legado de José Quiroga. "Para a Deputación é unha honra homenaxear deste xeito a un dos grandes prohomes da autonomía galega", valorou o presidente provincial, que tamén incidiu no valor da biografía de José Quiroga: "Ser o segundo presidente da Xunta ou ser quen lideraba o goberno autonómico cando se aprobou o Estatuto de Autonomía de Galicia son motivos máis que suficientes para honrar unha traxectoria de vocación de servizo público, de compromiso e de presenza nas institucións".  

Manuel Baltar remarcou o traballo de Quiroga a prol da consolidación da autonomía galega. "Estas catro décadas de benestar e progreso e este protagonismo que hoxe ten Galicia no marco nacional foi grazas ao traballo de moitos homes e mulleres, de moitos executivos do goberno autonómico e singularmente do home que iniciou esta andaina, que non foi outro que o valdeorrés José Quiroga Suárez".  

Un político clave

A biografía de José Quiroga é unha parte fundamental do desenvolvemento político da Galicia democrática. Nacido en 1920 nunha familia de tradición liberal-conservadora, licénciase en Medicina na Universidade de Santiago con premio extraordinario de fin de carreira e diplómase en Cardioloxía pola Universidade de Barcelona. Despois, Quiroga volta a súa terra para traballar na consulta do seu pai. Este vencello a Galicia— e máis concretamente á provincia de Ourense e a súa comarca, Valdeorras — vehiculará toda a súa traxectoria pública e profesional. Tras abrir un consultorio na Rúa, é alcalde deste municipio entre 1953 e 1956. A súa carreira política da un novo pulo coa fundación de Acción Política Orensana xunto a Eulogio Gómez Franqueira, grupo que se unirá primeiro  Partido Popular de Pío Cabanillas e despois á UCD de Adolfo Suárez. 

Coa constitución da Xunta de Galicia preautonómica, José Quiroga asume un papel capital na política galega. Foi conselleiro de Sanidade na etapa de Antonio Rosón (1977-1979), ao que relevará ao fronte do goberno galego. Presidente da Xunta de Galicia desde xuño de 1979 ata xaneiro de 1982, vive en primeira persoa a aprobación do Estatuto de Galicia e a progresiva construción da institución autonómica.  

En paralelo mantivo un papel destacado en Madrid. Na lexislatura constituínte de 1977, José Quiroga convértese no senador máis votado de Galicia. Na Cámara Alta estará ata 1986. Compaxinou o seu cargo de presidente da Xunta co de senador, onde foi elixido en representación da UCD en tres lexislaturas: a costituyente, a primeira e a segunda. (1977-1986).No senado participou activamente en moitas comisións: Comisión de Sanidade, De Autonomías, Constitucional, Obras Públicas, Suplicatorios, Asuntos Iberoaméricanos, Dereitos Humanos, Traballo e Emigración, Incompatibilidades. Foi secretario da Comisión do Defensor do pobo. Nas eleccións de 1982 foi o único senador peninsular, xunto con dous canarios conformaron parte do grupo mixto, do que foi portavoz. Posteriormente, tras a descomposición da UCD e sumouse a Coalición Galega, formou parte da operación reformista de Miquel Roca. A súa vida política mantívose sempre en posicións centristas que nunca abandonou, defendendo sempre o consenso e a figura de Adolfo Suárez como líder fundamental da transición política española.

Sempre mantivo aberta a súa consulta na Rúa ata a súa xubilación. Ese medio século de profesión médica axuda a completar o perfil dun home familiar, cunha potente vertente académica e que deixou un profundo recordo entre os seus veciños. Morreu en 2006, co recoñecemento colectivo de contribuír dun xeito decisivo a Galicia dende posicións moderadas, mantidas dun xeito coherente ao longo de toda a súa vida. 

Foi condecorado coa medalla de Cabaleiro da Orden del Mérito Constitucional e coa Cruz de Venezuela de Fernández Miranda. Foi nomeado tamién fillo predileto de Petín, a súa aldea natal cuxa plaza leva o seu nome. Grande orador, excelente narrador de historias pero sobre todo unha gran persoa.

A Deputación promove o nomeamento do petinés José Quiroga como fillo predilecto da...