
Nesta nova edición da Marco Petín, do 23 ao 25 de agosto, os visitantes poderanse atopar con dúas novidades. Unha delas é un espazo dedicado a homenaxear a José Luís Prieto, "Lilí", e a Xosé Porto, "Yosso.
Para coñecer máis a este último artista dende Somos Comarca puxémonos en contacto con Manola Porto, sobriña de Yosso. Ela foi a encargada de acercarnos máis as obras que se exporán e ao propio autor que falecía fai cinco anos.
«Era moi meticuloso e perfeccionista. En moitas ocasións, incomprendido», así é como recorda a súa sobriña a esta figura tan importante para o Concello do Bolo.
Yosso nacía en Valbuxán no ano 1943. Con apenas 9 anos trasladábase a Monforte, concretamente a escola Pais Escolapios. Entrada na idade adulta, con 20 anos, abandonou a vida eclesiástica para retomar a súa verdadeira paixón, pintar e escribir.
Tomada esta decisión, comezou a percorrer varias localidades de Francia, Italia ou Inglaterra. Sendo as súas primeiras exposicións en Madrid, lugar no que comezou a gañar recoñecemento.
«Ese mercado no que se movía o ámbito pictórico non lle gustaba», relata Manola. Por este motivo decidiu volvera a súa aldea e «encerrarse en vida pintando e, sobre todo, escribindo nos últimos anos».
Estas vivencias son as que ilustran as súas obras, «pintaba Valbuxán, a familiares ou imaxes de París». Para coñecer mellor a obra deste artista é preciso acudir até Marco Petín.