jueves. 28.03.2024
A Festa da Vitela e A Ruta dos Fornos tampouco se celebrarán este ano

O Bolo deixa para o próximo ano a Festa da Vitela, xa que como sinalan desde o Concello, «é mellor esperar un pouco, hai moita xente maior no concello e non vale a pena precipitarse a conta de que caian enfermos». A decisión tomouse antes de que se dera luz verde ás celebracións e reunións e logo íase moi «apretado» de tempo para a organización. Así que este Sábado Santo a vitela non terá celebración multitudinaria.

A última vez que se celebrou a festa gastronómica foi no 2019. Daquela o adegueiro Rafael Palacios recibiu unha homenaxe por ser o mellor «embaixador» do concello.

Última Festa da Vitela celebrada en 2019 na que se homenaxeou a Rafael Palacios

A Ruta dos Fornos, que debía celebrase a primeiros de maio ou finais de abril, tamén se cancela e desde a organización xa poñían data para a próxima, o 29 de abril de 2023. Este era o comunicado que hai uns días anunciaba en redes a suspensión até o ano que ven : «Desgraciadamente, a directiva da asociación decidiu suspender este ano a celebración da Ruta dos Fornos. Aínda que é certo que a situación é mellor que hai algúns meses, continua habendo un importante número de contaxios. Nun evento que conta con tantos asistentes coma o noso, e no que adoita haber varios puntos onde se producen importantes aglomeracións, coma nos dous primeiros fornos e na praza onde se celebra o fin de festa; o perigo de que puidese haber un brote levounos, moi ao noso pesar, a tomar a decisión de suspender a súa celebración tamén neste 2022. Nun pobo e nun concello coma Celavente e O Bolo, onde a media de idade é tan elevada, era asumir un risco sanitario demasiado importante».

Ruta dos Fornos de Celavente, en 2019

 

O que si haberá é Festival de Música do Castelo, será o sábado 21 de maio e coincidirá coa inauguración do Museo de Yosso no colexio do Bolo. Está confirmada a asistencia da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, a Banda de Gaitas do Bolo, Iria Estévez. Non faltará a señora Jacinta de Lentellais, as cantoras de Trives ou a cetraría do Courel.  Tamén se lle fará unha homenaxe a Bautista Álvarez «Bautista do Paladium».

Corzo e Foxo coa Sra. Jacinta no Festival de Música do Castelo

A Festa da Vitela e a Ruta dos Fornos tampouco se celebrarán este ano