
A xerente do servizo Atendo de Renfe visitará O Barco

A xerente do servizo de atención ao cliente de Renfe, María López Anaya, visitará próximamente O Barco. Así llo fixo saber o deputado popular Moisés Blanco á asociación de persoas discapacitadas de Valdeorras, Disvalia.
Tal e como se comprometera na reunión mantida co colectivo o pasado 17 de xaneiro, Moisés Blanco mantivo as conversas pertinetes para que algún responsable de este servizo se achegase a O Barco co fin de que a estación poida contar co servizo Atendo.
O deputado popular manifestou recentemente, nunha reunión coa Asociación, acompañado do voceiro do grupo municipal do PP, Arsenio Moldes, o seu apoio á “xusta reivindicación” a prol da mellora de accesibilidade na estación de O Barco de Valdeorras. Segundo Blanco, os posibles usuarios identificados para este servizo serán ao redor de 15 persoas, incluíndo aos familiares e persoas que residen fóra de Valdeorras e se desprazan con frecuencia á zona.
Moisés Blanco lembrou que as estacións máis próximas que contan con Atendo están situadas en Monforte de Lemos –que supón un desprazamento por estrada nacional de 45 minutos- e Ponferrada, un traxecto de 35 minutos, e que ademais de ter que desprazarse por unhas deficientes estradas, “tampouco contamos na comarca cun servizo de autobús ou de taxi adaptado”.
Ademais, lembrou que a única estación de toda a provincia que ten o servizo é a de Ourense, situada a 116 km do Barco, e o tempo de desprazamento en coche ata a cidade está calculado en 1h.19 minutos “polo que difícilmente alguén acudiría á estación de Monforte de Lemos, realizando máis da metade do camiño, para coller o tren e continuar o seu traxecto ata a capital da provincia “.
Logos das conversas co presidente da Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados,o deputado ourensá Celso Delgado, Moisés Blanco síntese optimista en canto a posibilidade de que a estación de O Barco poida contar finalmente co servizo Atendo, e considera que a visita amosa a boa vontade de Renfe de querer dar resposta a unha xusta demanda das persoas con discapacidade e dificultade de mobilidade de Valdeorras.