lunes. 11.05.2026

O Hospital de Valdeorras súmase á semana grande da enfermería coas xornadas máis veteranas de Galicia

O centro hospitalario do Barco acolle este luns un obradoiro sobre feridas clínicas complexas dentro da programación das XV Xornadas de Enfermería, que este ano se estenden por primeira vez aos tres hospitais públicos da provincia
somoscomarca_202600511_obarco_enfermeria3459
O Hospital de Valdeorras súmase á semana grande da enfermería coas xornadas máis veteranas de Galicia

A enfermería ourensá celebra desde este luns 11 de maio a súa “semana grande” cun amplo programa de actividades formativas e científicas que terá como acto central as XV Xornadas de Enfermería, consideradas as máis veteranas de Galicia. A programación, baixo o lema «Da vocación ao liderado: a enfermería que vén», esténdese este ano por primeira vez aos tres hospitais públicos da área sanitaria: Ourense, Verín e Valdeorras.  

No caso do Hospital Público de Valdeorras, a actividade arranca xa este luns cun obradoiro centrado na abordaxe das feridas clínicas complexas. A sesión será impartida por Olga Barredo González, enfermeira referente en feridas crónicas e profesional da Unidade de Reanimación.

A iniciativa busca achegar a formación tamén aos hospitais comarcais e aos equipos de atención primaria, facilitando a participación dos profesionais sen necesidade de desprazarse ata Ourense. Deste xeito, O Barco convértese tamén nun dos escenarios desta semana dedicada a poñer en valor o papel da enfermería no sistema sanitario.

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras destaca que esta edición supón “un paso máis” na evolución das xornadas, cun formato ampliado e unha programación máis extensa. Ademais das actividades prácticas nos distintos hospitais, o acto central desenvolverase o martes 12 de maio no Auditorio Municipal de Ourense, coincidindo co Día Mundial da Enfermería.

As xornadas abordarán cuestións relacionadas coa atención hospitalaria e comunitaria, a saúde mental, a investigación, a innovación, a humanización ou a autonomía profesional. O programa inclúe conferencias, mesas redondas, presentación de comunicacións e espazos de diálogo con profesionais, pacientes e asociacións.

Entre os relatorios previstos tamén figura a participación do catedrático e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo, encargado da conferencia de clausura.

As Xornadas de Enfermería de Ourense teñen a súa orixe no ano 1998 e consolidáronse co paso do tempo como unha das principais citas profesionais do sector en Galicia, só interrompidas durante a pandemia. Nesta edición, a organización pon o foco nos novos retos da profesión, o liderado nos coidados e o avance da investigación enfermeira.

O Hospital de Valdeorras súmase á semana grande da enfermería coas xornadas máis...