
Obras de rehabilitación no colexio Condesa de Fenosa

O CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa recibiu 634.813,95 euros, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, cos que se acometerá o illamento da fachada, dos capialzados e da cara superior do forxado do baixo cuberta, a substitución das ventás de folla simple por unha carpintería de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e das persianas por unhas novas de lamas de aluminio inxectadas con espuma de poliuretano e a renovación das luminarias por unhas de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza en corredores e aseos.
Así mesmo,
instalaranse válvulas termostáticas en todos os radiadores existentes, de forma
que se permita o funcionamento da calefacción unicamente nos radiadores das
estancias que demanden máis temperatura e axustar diferentes temperaturas
segundo o uso dos espazos. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro do
27,60% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 28,20% en emisións de
CO2.
A maiores colocaranse estores na fachada este e mosquiteiras nas ventás dos comedores, substituirase a carpintería interior, reformaranse os aseos, instalarase pavimento vinílico en todas as dependencias e zonas de circulación e renovarase o chan da cociña. Así mesmo, instalaranse falsos teitos acústicos en aulas, biblioteca e salón de actos e falsos teitos con placas de xeso laminado en zonas comúns. Ademais, acometerase a pintura interior de paramentos, portas e radiadores.
Esta adxudicación forma parte dos 3.912,173,30 euros cos ca Consellería acometerá a rehabilitación integral de cinco centros educativos da provincia de Ourense, en concreto do IES O Couto (Ourense) e dos CEIP de Prácticas (Ourense), Plurilingüe Calvo Sotelo (O Carballiño), Plurilingüe Condesa de Fenosa (O Barco de Valdeorras) e Princesa de España (Verín). As obras realizaranse a través do anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018. Os traballos comezarán a executarse os vindeiros días.