
O obradoiro sobre montes veciñais rematou cunha charla sobre fiscalidade

Durante esta semana, unha vintena de persoas asistiron ao obradoiro “Gobernanza cooperativa nas comunidades de montes veciñais”, no salón de usos múltiples do Concello do Barco de Valdeorras. O asistentes, persoas relacionadas coa xestión de montes veciñais e en man común —CMVMC— reuníronse durante as tardes desta pasada semana.
Na derradeira sesión celebrada o venres centráronse na fiscalidade das comunidades de montes, explicando temáticas coma a tributación no imposto sobre sociedades, as bonificacións fiscais, a exención do IBI, as deducións na clasificación, adquisición de terreos rústicos, doazóns e permutas, e os procedementos no catastro.
O obradoiro
comezou o luns cunha mostra de iniciativas de dinamización do uso dos montes
veciñais con éxito, entre elas cría de porco celta, cultivo de castaña e oliva
ou recollida de resina, mentres que as seguintes sesións desenvolveron aspectos
máis directamente relacionados con la administración das Comunidades, como son
a propia gobernanza e xestión cooperativa das comunidades e a titularidade e
defensa dos montes veciñais.
Estes relatorios
foron impartidos por profesionais do despacho de avogados Calixto Escariz.
Tamén se falou de instrumentos de ordenación ou xestión forestal, atendendo á
Lei 7/2012 de Montes de Galicia e presentouse o proxecto TROCO2, Mercado
transfronteirizo de Intercambio de Carbono, que analiza a capacidade dos montes
para almacenar dióxido de carbono.
O obradoiro forma
parte dun ciclo da Rede Eusumo destinado a impulsar o emprendemento a través do
uso dos recursos agrarios das Comunidades de Montes, que, en Galicia, xestionan
aproximadamente dous terzos da superficie de monte da Comunidade.
Mediante esta formación, búscase divulgar a fórmula cooperativa como medio para potenciar e consolidar a activación destes terreos de cara a un rendemento produtivo, así como favorecer o emprego xuvenil.
Esta actividade
enmárcase no programa de actuación 2018 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha
rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de
Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co
financiamento do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.