
O Barco pide unha unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional

O alcalde de O Barco, Alfredo García, mantivo onte unha reunión co secretario xeral do Sindicato Unificado de Policía (SUP), Roberto González Rodríguez e co secretario provincial da mesma entidade, Antonio Pousa, co fin de estudar medidas conxuntas para instalar en O Barco unha Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional.
Tanto o alcalde como os representantes sindicais están de acordo na necesidade da comarca de Valdeorras de contar cunha oficina na localidade de O Barco, na que os veciños poidan realizar as xestións para as que agora se desprazan a outras poboacións nas que contan con Comisaría de Policía, como Monforte, en Lugo, ou Ponferrada, en León.
As deficiencias das comunicacións por estradas entre a comarca de Valdeorras e as cidades máis próximas dificultan aínda máis estes desprazamentos. Actualmente o servizo de expedición do DNI está cuberto con visitas periódicas dunha unidade itinerante da Policía Nacional. Non así os trámites para o pasaporte nin a documentación de estranxeiría. Por iso, o alcalde barquense asegura que este servizo non se axusta as demandas dos veciños: “nunca sabemos qué día van a venir y no podemos dar citas. Además, no cubre las necesidades de los extranjeros, que son más de 1000 en O Barco, y tienen que desplazarse a Ourense”.
Estas unidades de Estranxeiría e Documentación teñen competencias en materia de expedición de documentación de españois, como DNI e pasaportes, así como tamén todo o relacionado con permisos de residencia e permanencia de estranxeiros. Das 18 unidades deste tipo que se atopan en Galicia, so dúas están na provincia de Ourense, sendo a provincia con menos unidades de toda a Comunidade Autónoma malia ser a máis extensa.
O Concello de O Barco iniciará as xestións de forma inmediata ante o Ministerio do Interior para solicitar esta Unidade en O Barco, ao mesmo tempo que o SUP tamén levará a cabo os trámites pertinentes neste sentido. García presentará a petición ante a Dirección Xeral de Policía, a Xefatura de Policía de Ourense e a de Galicia. Ademais, o senador socialista Luis García Mañá, presentará unha iniciativa neste mesmo sentido nas próximas semanas.