miércoles. 13.05.2026

O edificio vello do Concello do Barco iluminarase de azul polo Día da Enfermidade Celíaca

O municipio súmase á campaña impulsada pola Asociación de Celíacos de Galicia para reivindicar a inclusión das persoas celíacas
somoscomarca_obarco_autismo_concello_azul (1)

O Barco de Valdeorras volverá sumarse este venres, 16 de maio, á conmemoración do Día da Enfermidade Celíaca coa iluminación en cor azul da fachada do edificio vello do Concello.

A iniciativa forma parte da campaña promovida pola Asociación de Celíacos de Galicia, á que se adheriron numerosos concellos galegos co obxectivo de visibilizar esta enfermidade e reivindicar o dereito á inclusión das persoas que a padecen.

A iluminación permanecerá activa entre as 20.00 e as 00.00 horas, aínda que desde o Concello recomendan agardar ata as 21.00 ou 21.30 horas para poder realizar fotografías co efecto lumínico xa visible.

A celiaquía é unha enfermidade sistémica de base autoinmune provocada polo glute e outras proteínas relacionadas en persoas xeneticamente susceptibles. Estímase que arredor do 2 % da poboación europea é celíaca, unha circunstancia que obriga a seguir de maneira estrita unha dieta sen glute durante toda a vida.

Desde o Concello do Barco destacan a importancia de seguir avanzando na inclusión social e laboral das persoas celíacas, lembrando que moitas relacións sociais xiran arredor da comida, o que pode provocar situacións de exclusión tanto en nenos e nenas como en persoas adultas.

Con este xesto simbólico, O Barco únese así a unha xornada de sensibilización que busca dar visibilidade á enfermidade e fomentar unha sociedade máis accesible e inclusiva para todas as persoas.

O edificio vello do Concello do Barco iluminarase de azul polo Día da Enfermidade Celíaca