martes. 03.02.2026

A Concellería de Cultura do Barco organiza unha viaxe a Madrid para ver Houdini, un musical máxico

A saída cultural terá lugar o 14 de marzo e inclúe autobús, xantar e entrada ao musical do Teatro Calderón de Madrid, no que participa o actor barquense Christian Escuredo.
somoscomarca_madrid_33elmusical_2019_04_06-1
A Concellería de Cultura do Barco organiza unha viaxe a Madrid para ver Houdini, un musical máxico

As persoas afeccionadas ao teatro musical terán a oportunidade de asistir en Madrid á representación de Houdini, un musical máxico, unha produción que se está a representar no Teatro Calderón e na que participa o actor barquense Christian Escuredo, cun papel destacado no elenco principal.

O espectáculo estreouse a finais do ano pasado e combina números de maxia de gran formato coa historia persoal do ilusionista Harry Houdini. A produción está dirixida por Federico Bellone e aposta por unha posta en escena na que a maxia e o teatro musical avanzan da man.

No elenco principal figuran Pablo Puyol, no papel de Harry Houdini, Julia Möller como Bess Houdini e Christian Escuredo, que interpreta a Theo, irmán do protagonista, cun peso relevante no desenvolvemento da historia.

O actor barquense conta cunha traxectoria consolidada no ámbito do teatro musical, con participación en montaxes como Priscilla, reina do deserto, 33, o musical e El Novio de España.

A saída organizada desde O Barco terá lugar o sábado 14 de marzo de 2026, con saída ás 09.00 horas desde a Praza do Concello. A viaxe inclúe o desprazamento en autobús, seguro de viaxe, xantar e entrada ao musical en platea B.

As prazas son limitadas e as reservas poden realizarse ata o 12 de febreiro ou ata completar aforo, chamando ao teléfono 988 320 202, extensión 2131. O prezo por persoa é de 88 euros.

A actividade está organizada polo Concello do Barco, dentro da súa programación cultural.
 

A Concellería de Cultura do Barco organiza unha viaxe a Madrid para ver Houdini, un...