miércoles. 04.06.2025

O Barco non cede ante as intencións de Adif e Renfe

portada

Os voceiros dos tres partidos con representación na Corporación do Barco de Valdeorras: Aurentino Alonso (PSOE), Arsenio Moldes (PP) e Félix García (Riada Cidadá), reunironse co fin de asinar unha declaración institucional conxunta para tratar de evitar que o Administrador de Infraestructuras Ferroviarias, Adif, elimine definitivamente o servizo de información e venda de billetes na Estación de Renfe de O Barco, algo que califican de "ataque intolerable ao rural e ás poboacións de menos de 15.000 habitantes". Esta declaración poñerase sobre a mesa no pleno ordinario que se celebrará o día 2 de febreiro en O Barco.

O voceiro do socialista, Aurentino Alonso, criticou a decisión do cese destes servizos anunciada por Adif, alegando que "non teñen que ser rentables economicamente, senón socialmente". Recordou, ademais, que o uso do transporte ferroviario se multiplicou por tres no último trienio e que "é máis competitivo que o uso do vehículo privado" polo que o tren "é rentable sempre e cando haxa os servizos, calidade e frecuencias necesarias". De facerse efectiva, esta decisión supoñería a desaparición dun servizo ao que no pasado 2016 se acolleron 103.000 viaxeiros.

Na reunión, todos os grupos estiveron tamén de acordo en facer fincapé noutros puntos de especial importancia que tanto Adif como Renfe deben solucionar coa maior brevidade posible: o acceso para persoas discapacitadas en estacións e trens e a mellora da calidade dos servizos, polo que piden que se melloren as comunicacións, tanto dentro de Galicia, como co resto de España.

Unha vez que esta declaración conxunta quede aprobada, será remitida a Adif, Renfe e a Xunta de Galicia. O obxectivo é, non só evitar a retirada destes servizos, senón tamén reclamar a mellora dos mesmos. Ademais, pediranlle á Xunta, expresamente, que se implique de xeito activo na defensa do transporte ferroviario, non só nos concellos de A Rúa e O Barco, senón en todo o territorio Galego.

O Barco non cede ante as intencións de Adif e Renfe