
O Concello de O Barco presentou, en rolda de prensa, a Campaña de Reciclaxe 2017. A concelleira de Medio Ambiente, Diana Urdangaray, e a concelleira de Servizos, Alicia Álvarez, foron as encargadas de dar a coñecer as actividades que teñen preparadas para concienciar aos cidadáns da importancia da reciclaxe.
A primeira iniciativa consistirá na difusión, a través das redes sociais, do compromiso co medio ambiente a través dunha actividade bautizada como reto "#obarcoverde". Dada a importancia que as redes sociais teñen na vida diaria dos veciños de O Barco, este reto pretende que os cidadáns difundan as boas obras polo medio ambiente que realicen, como por exemplo, a separación correcta dos residuos ou a utilización do punto limpo. Entre todos os participantes nesta campaña -que vai dirixida a todos os veciños de O Barco de Valdeorras- celebrarase o sorteo dunha cámara dixital acuática. O inicio desta actividade está fixado para o vindeiro luns 3 de abril.
A segunda actividade consiste na organización dun mercado de segunda man na Praza do Concello para a exposición e venda de obxectos usados (como libros, xoguetes, téxtiles...), co fin de alongar a vida útil destas pertenzas antes de que acaben no lixo. A actividade vai dirixida a todos os públicos co único requisito de inscribirse previamente no Concello. A data aínda está sen confirmar, para facela coincidir coa aula móbil de reciclaxe que organiza Sogama entre o 12 e o 18 de maio. Unha campaña, esta última, que ten como finalidade ensinar aos veciños a reciclar de maneira correcta, baseada na regra das tres "R": reciclar, reutilizar e reducir.
Urdangaray deu a coñecer, ademais, unha campaña especial chamada "O Barco libre de cacas", dirixida aos donos dos cans para a concienciación da recollida dos excrementos. "Estamos moi ilusionadas con esta campaña e esperemos que funcione", sinalou a concelleira. Para levala a cabo, o concello contará coa colaboración dos colexios e dos máis pequenos. "De momento deixámolo no tinteiro, falaremos dela máis adiante, pero dará que falar", asegurou Urdangaray. O principal obxectivo desta campaña é chamar a atención dos cidadáns sobre a importancia deste problema. A concelleira de Medio Ambiente aproveitou para facer un chamamento aos donos de cans para que os censen no concello, recordando que se fai de balde.
A concelleira de Servizos, Alicia Álvarez, continuou explicando que se realizará unha visita guiada ao punto limpo cos escolares de primaria, para ensinarlles a importancia da reciclaxe. Nesta mesma liña a empresa FCC explicará nos colexios barquenses cómo xestionar os residuos a través dunha actividade que consiste en baleirar bolsas do lixo para ver cómo se recicla correctamente.
O Concello organizará tamén unha charla e visita ao punto limpo coas asociacións Morea e Asfaval, para ensinarlles a xestionar os residuos.
Álvarez recordou, ademais, que todas as persoas que leven as súas pertenzas ao punto limpo entrarán no sorteo de dúas ceas para dúas persoas. O punto limpo é un servizo de balde que tamén recolle a domicilio chamando previamente ao número 988 320 138.