A Igrexa de Santa María da Proba, un dos templos máis antigos e emblemáticos do concello do Barco de Valdeorras, lucirá un novo aspecto nos próximos meses. O Concello está a acometer obras de humanización na praza exterior do templo, cun investimento que supera os 105.000 euros e un prazo de execución de seis meses. Os traballos foron adxudicados á empresa Cufa SL.
O proxecto ten como obxectivo poñer en valor tanto a igrexa, de orixe románica do século XII, como o propio Camiño de Inverno, que pasa polo lugar. Preténdese recuperar o valor ornamental do conxunto, con intervencións respectuosas co medio natural e patrimonial, garantindo ao mesmo tempo a seguridade e accesibilidade dos visitantes.
As actuacións abranguen unha superficie duns 1.000 metros cadrados e céntranse na humanización do espazo exterior. Prevese a construción de novos muros de pedra e zonas de descanso para peóns, ademais da naturalización do atrio, reducindo o pavimento duro e o tráfico rodado. O itinerario do Camiño de Inverno será reordenado para mellorar a súa integración coa contorna e resolver un complicado cruce coa estrada existente.
Empregarase pedra do país para os muros e formigón lavado nas zonas de paso, complementado con lousas de granito tostado e áreas verdes. Un dos puntos máis relevantes do proxecto é a mellora da seguridade para os peregrinos que acceden á igrexa por unha vía paralela á N-120. Para iso, construírase unha escaleira de pedra que permitirá descender con seguridade desde a ponte sobre a estrada nacional, así como un paso de peóns para cruzar a estrada provincial OU-0851.
As obras inclúen tamén a renovación das redes de abastecemento, sumidoiros e rego, ademais da reorganización dos servizos públicos de iluminación. O Concello solicitou a Unión Fenosa o soterramento do cableado para mellorar o aspecto visual da zona.
Segundo explican desde o goberno local, esta intervención supón un paso máis na posta en valor do patrimonio histórico e natural de Valdeorras, integrando a conservación do legado cultural coa mellora da experiencia dos peregrinos e veciños que visitan A Proba.