
O Barco convoca dúas prazas de auxiliar de policía

O alcalde de O Barco, Alfredo García, confirmou na sesión plenaria do mes de abril, a convocatoria de dúas prazas de auxiliar de policía para o período de verán que cubran as vacacións dos funcionarios.
Os axentes que xa teñen pasadas as probas non poden incorporarse polo de agora xa que, segundo explicou o alcalde, están pendentes de facer un curso na Axencia Galega de Seguridade que debe ser convocado pola Xunta. Malia que se anunciara que este curso se faría en marzo, agora non será ata maio cando se leve a cabo, polo que estes axentes non poderán incorporarse no verán.
O rexedor asegurou que están a espera de que se convoque unha praza de funcionario máis antes de finalizar o ano. A convocatoria correrá a cargo da Xunta de Galicia, como así o acordou a Fegamp co goberno autonómico.
Por outra banda, a administración municipal, en resposta a unha pregunta do edil de Riada Cidadá, Félix Rodríguez -que se queixaba da non reposición das árbores cortadas en Viloira- asegurou que repoñerá as árbores en outono, cando se faga a poda. Ademais García, para cerrar o tema, destacou que "se alguén pode sacar peito de plantar árbores neste concello é o goberno socialista".
O portavoz de Riada volveu a insistir, unha vez máis, na construción dun centro de día para os veciños de O Barco, facendo alusión ao remanente de tesourería debatido no anterior pleno extraordinario. O alcalde recordou que os cartos do remanente se destinarán a pagar facturas e débedas atrasadas.
Quedou aprobado por unanimidade o punto do día que versaba sobre a nova nomenclatura de dúas prazas (Clara Campoamor e a do Sagrado) e unha rúa (Rúa do Bailarín), recollidas na consulta popular organizada polo Concello. Tamén por unanimidade se aprobou o inicio dos trámites para corrixir o erro detectado na documentación do Padrón en relación ao barrio de Pacios.