O Teatro Principal de Ourense acolleu a II Gala do Trail Running Galego, organizada coa colaboración da Deputación de Ourense, reunindo aos principais protagonistas desta disciplina no ano 2025.
A comarca de Valdeorras destacou por partida dobre, Elpidio Gómez, do ADAS CUPA, proclamouse mellor atleta de Trail Running galego de 2025, mentres que o Kilómetro Vertical de Vilamartín de Valdeorras, «O Sacauntos», foi presentado como parte do calendario do Campionato Galego de Kilómetros Verticais para 2026.

Durante a presentación, José López «Parra», un dos deseñadores da proba, destacou que «durante a presentación tanto o presidente da federación como os organizadores de varias probas deron un apoio a esta proba que en 2025 non se celebrou xa que o 100% do trazado había ardido».
A gala contou coa presenza do Presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; a Directora Territorial da Consellería de Presidencia, Beatríz Fernández; o asesor técnico de Deportes da Deputación, Kike Álvarez; o concelleiro de Deportes de Ourense, Aníbal Pereira; así como outros representantes institucionais e do sector privado.
No transcurso do evento, foron destacados os resultados acadados polos deportistas galegos ao longo do 2025, con especial atención aos títulos de Elpidio Gómez e Raquel Estévez en diferentes competicións nacionais. O xurado tamén outorgou os premios principais aos mellores atletas: «Por valoración de méritos dun xurado especialista, os premios principais da noite foron para Elpidio Gómez e para Tamara García», explicaron os organizadores. O Trail das Bestas en Muras recibiu o galardón á mellor proba de TR galega do ano.

Ademais, durante a gala foron entregados outros recoñecementos, entre os que se inclúen:
- Mellor protección medioambiental: Trail da Baña
- Mellor integración do percorrido no medio natural: Trail Coba da Bruxa
- Mellor comunicación: Trail Terras de Burón
- Mellor seguridade: Trail de Lousame
- Premio especial á mellor fotografía: Equipo fotográfico do Trail Coba da Bruxa
- Premio especial ao mellor xurado: Campionato de Galicia Ultra en Chantada
- Premio ao mellor speaker: Pablo Ríos
No apartado competitivo, foron recoñecidos os tres primeiros clasificados en cada categoría, desde Sub16 ata Máster 75, destacando tamén os logros das corredoras e corredores máis destacados en Vertical, Preclassic, Classic, Maratón e Ultra.
A II Gala do Trail Running Galego concluíu coa presentación da axenda de probas para 2026 e co discurso de Beatríz Fernández, quen animou a todos os estamentos do TR galego a continuar traballando co esforzo e a dedicación que caracterizan a esta modalidade. «Seguindo nesta liña, 2026 será un ano aínda mellor para o Trail Galego», asegurou.
Valdeorras consolídase como un punto clave no panorama do Trail Galego, coa presenza de deportistas de referencia e probas que atraen participantes de toda Galicia, reforzando o prestixio e a proxección desta disciplina deportiva na comunidade.
