
As escolas de O Barco reivindican co Entroido un día das Letras Galegas para Florencio Delgado Gurriarán

Unir o Entroido coa figura de Florencio Delgado Gurriarán. É o obxectivo da iniciativa impulsada dende o concello de O Barco, enmarcada dentro do proxecto de dinamización cultural que persigue a dedicación do Día das Letras Galegas 2019 para o poeta e escritor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán.
Malia que oficialmente aínda non se presentou o proxecto, o concello barquense aproveitou o Entroido para poñer de novo en marcha esta reivindicación, na que colaboraron os centros de ensino e ANPAS, tanto desta localidade, como dos demais concellos nos que se está levando a cabo, como son Petín, a Rúa e Vilamartín, a espera de que outros dous concellos se unen tamén a esta iniciativa. "Propuxemos esta actividade en todos os concellos. Aquí no Barco participan os centros Divina Pastora, Otero Pedrayo e Condesa Fenosa. O Julio Gurriarán, por un problema coa ANPA non conseguiu chegar a tempo para solicitar o obradoiro", contaba a concelleira de cultura de O Barco, Margarida Pizcueta.
Estes obradoiros consisten en acoller a temática dos escritos de Florencio Delgado Gurriarán para a realización dos disfraces que os nenos e nenas de primaria lucirán, tanto nas escolas, como no desfile de disfraces que se celebrará o próximo Martes de Entroido, 28 de febreiro. "Nos seus poemas Florencio falaba, sobre todo, do entorno que temos aquí, da natureza, das aves, o viño… e quixemos plasmar todo iso", explica Pizcueta.
Non é a primeira vez que se leva a cabo algunha iniciativa con este fin na comarca. Xa antes, a asociación dedicada ao autor, xunto con outras institucións, reivindicaron o Día das Letras Galegas para Florencio Delgado Gurriarán.