viernes. 30.05.2025

Un ano de dinamización e compromiso co comercio local no Centro Comercial Aberto do Barco

O Centro Comercial Aberto (CCA) do Barco de Valdeorras pecha o 2024 cun balance cheo de actividades que dinamizaron o comercio local e reforzaron os lazos coa veciñanza
P_somoscomarca_20240824_obarco_plazamayor_fiestaveranocca (36)
Un ano de dinamización e compromiso co comercio local no Centro Comercial Aberto do Barco

O Centro Comercial Aberto (CCA) do Barco de Valdeorras despide 2024 cun balance cheo de actividades destinadas a apoiar o comercio local e fomentar a participación da cidadanía. Jacobo Arias, presidente da asociación, destaca o esforzo realizado durante todo o ano para ofrecer campañas que conecten cos comerciantes e co público. «Non hai ningunha actividade que poidamos destacar máis que outra, porque todas están dirixidas a apoiar o comercio», sinala Arias.

somoscomarca_20240824_obarco_plazamayor_fiestaveranocca (11)
I Festa OBarcoaberto

Un ano marcado pola innovación

Entre as accións máis salientables deste ano, o CCA introduciu por primeira vez a Festa OBarcoaberto, unha iniciativa creada para dinamizar o mes de agosto, cando parte da poboación marcha de vacacións pero tamén chegan visitantes.

A festa incluíu actuacións como os transformers e unha charanga, ademais dun sorteo de viaxes. «Quixemos facer algo diferente para que a xente se quedase no Barco e, sen dúbida, foi un acerto», apunta Arias.

Tamén foi un éxito a terceira edición do Minichef OBarcoaberto, unha campaña pensada para os máis pequenos, centrada este ano en receitas sen alérxenos.

somoscomarca_240906_obarco_minichef400
II Minichef OBarcoaberto

Celebrada no pavillón, esta decisión demostrou ser acertada, xa que permitiu desenvolver a actividade sen importar as condicións meteorolóxicas.

Clásicos que evolucionan cada ano

Actividades consolidadas, como a Noite Branca, seguiron sendo fundamentais na programación anual. Arias destaca que cada ano se busca introducir novidades para manter o interese e sorprender aos participantes. Este espírito innovador tamén deu lugar ao primeiro concurso de escaparates.

Outras campañas habituais, como as do Día do Pai, o Día da Nai ou o magosto, seguen sendo fundamentais para promover as compras locais, mentres que accións máis destacadas, como o túnel do terror no Samaín ou a pasarela de moda, captan a atención durante os fins de semana.

Compromiso co deporte e a comunidade

O CCA tamén mostrou o seu apoio ao deporte local, colaborando co CD Barco no seu 50 aniversario. «Un club modesto que leva 50 anos funcionando, con escolas deportivas e un club filial, demostra que hai un traballo excelente detrás. Apoiar iniciativas así é esencial para nós», afirma Arias.

Mirando ao futuro con ilusión

A pesar de que a asociación tivo que desprazar as súas oficinas ao viveiro de empresas, isto non foi un impedimento para seguir traballando preto dos socios. «No momento en que un socio necesita algo, desprazamos a oficina ao negocio», recalca Arias, exemplificando o compromiso do CCA co tecido comercial do Barco.

Con iniciativas que mesturan tradición e innovación, o Centro Comercial Aberto do Barco reafirma o seu papel como motor de dinamización comercial e social na comarca. O obxectivo segue sendo claro: manter vivo o comercio local e conectar coa veciñanza a través de campañas que combinen creatividade, utilidade e proximidade.

Si desexa escoitar a entrevista completa pode facelo aquí:

Un ano de dinamización e compromiso co comercio local no Centro Comercial Aberto do Barco