O alumnado valdeorrés achégase á historia do volframio na exposición do IEV
O Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV) quixo poñer en valor a implicación dos centros educativos da comarca na exposición “O volframio, entre a traxedia e o romanticismo”, que se pode visitar estes días na Sala de Exposicións ABANCA do Barco de Valdeorras ata o vindeiro 1 de abril.
A mostra, que afonda no papel de Valdeorras durante os conflitos bélicos a través da explotación do volframio, está a espertar un notable interese entre o alumnado, que está a participar activamente nas visitas organizadas.
Así, na xornada do mércores, 25 de marzo, foron os alumnos de 4º da ESO do IES Lauro Olmo, acompañados polo seu profesorado, quen tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man esta parte da historia da comarca.
O xoves, foi a quenda do alumnado de 1º de Bacharelato do IES Martaguisela, así como dos estudantes de 4º da ESO do Colexio Divina Pastora, que tamén se achegaron ata a sala de exposicións para descubrir os contidos da mostra.
O venres, 27 de marzo, pecha este ciclo de visitas os alumnos e mestres de 3º e 4º da ESO do IES de Sobradelo, continuando así cunha iniciativa que está a permitir achegar a historia local ás novas xeracións.
Desde o Instituto de Estudios Valdeorreses destacan a importancia de contar coa participación dos centros educativos, xa que contribúe a reforzar o coñecemento do pasado da comarca entre a mocidade e a manter viva a memoria colectiva dun período clave da súa historia.