viernes. 30.01.2026

Cando o Entroido fala en verso e a memoria soa a chocalla

Daniel Domínguez, Mázcara de Bidueira, pon voz a unha tradición que se vive no corpo, hérdase dos maiores e transmítese, intacta, aos máis pequenos na Foliada da Mourela pra Acá
somoscomarca_manzaneda_placin_entroido_mourelapraaca_2023 (42)
Daniel Domínguez na Foliada de 2023 en Placín

As Máscaras, os versos, os bombos, as aixadas e o ruxir do Entroido volverán encher este sábado Palleirós, en Manzaneda, coa Foliada da Mourela pra Acá.

Unha celebración que chega un pouco antes do habitual para non coincidir coa festa da aldea, pero que mantén intacta a esencia dunha tradición que se transmite de xeración en xeración.

As Mázcaras pedirán permiso en verso para entrar no pobo, soarán as chocallas, comezará a ronda polas rúas e, máis tarde, chegarán as obras teatrais, a disputa, a fariñada e a mesa compartida.

somoscomarca_20250222_manzaneda_cernado_entroido_mourelapraaca (10)
Daniel Domínguez —primeiro pola esquerda na Foliada de 2025— con outras Mázcaras en Cernado

Hoxe imos falar cunha persoa que leva esta tradición na pel desde que era pequeno. Daniel Domínguez, Mázcara de Bidueira, coñece o Entroido desde dentro… e tamén desde a memoria.

E desde ese lugar —o de quen non observa, senón que forma parte— Daniel explica que a Mourela pra Acá non é só un nome, senón unha maneira de entender o Entroido como tradición ancestral. «Sete ou oito aldeas que se xuntan» para manter viva a ronda, a fuliada, o encontro, nun territorio marcado polo río e pola memoria compartida. «O caso é xuntarse e que non se perda a tradición», resume.

Os seus primeiros recordos levan o son dos bombos chamando á xente, sen horarios nin avisos. «Escoitábaso e saías, como se te chamase», lembra. Así se xuntaban os veciños, así se devolvían visitas entre aldeas, cando o Entroido era menos moda e máis necesidade.

Ser Mázcara non é disfrazarse. É asumir un papel. É levar o ritmo do bombo e nas chocallas, non perder o compás, converterse nese ser ao que non se lle toca nin se lle bota fariña, ao que se lle ofrece o primeiro grolo de viño cando se entra nunha casa. «A máscara é respecto», di Daniel. E tamén responsabilidade.

Hai momentos que marcan esa diferenza entre festa e rito. Un deles é a pedida do permiso en verso. Un silencio que impón máis que calquera palabra. «Non hai forma de explicalo. Hai que vivilo», asegura. Porque antes do ruído vén o respecto, antes da troula, a lei non escrita da tradición.

somoscomarca_manzaneda_placin_entroido_mourelapraaca_2023 (27)
Mázcara bailando na praza da igrexa de Placín

E nesa transmisión xeracional aparece inevitablemente a memoria dos que xa non están. Aquilino, veciño de Vidueira, foi unha desas figuras fundamentais que mantiveron vivo o folión cando eran poucos os que seguían. El marcaba o camiño, indicaba como se debía facer, respondía aos permisos. Co tempo, deixou paso aos máis novos. Un xesto que mesturaba orgullo, pena e responsabilidade. «O que facemos agora é porque alguén o fixo antes», recoñece Daniel.

As obras teatrais, os versos, as disputas… todo bebe dese legado. Fan rir, si, pero tamén contan o que pasa, o que doe, o que se vive, sempre desde o humor e a retranca. O Entroido convértese así nun espello no que se mira o pobo enteiro.

O futuro, para Daniel, pasa polo mesmo que o pasado, xuntarse. Unirse para que a tradición non se dilúa. Para que un neno de tres anos e un ancián de noventa compartan o mesmo ritmo, a mesma rúa, a mesma festa. «Aquí non hai orquestras nin escenarios. Hai xente», di. E iso é o que fai único este Entroido.

somoscomarca_manzaneda_placin_entroido_mourelapraaca_2023 (3)

Daniel Domínguez, Mázcara de Bidueira, axúdanos a entender que o Entroido non é só festa, é unha maneira de xuntarse, de recoñecerse e de sentirse parte. É herdanza viva que se transmite de xeración en xeración; é o que fomos, o que somos e o que queremos seguir sendo. Este sábado, en Palleirós, a tradición volverá converterse en lei… e o folión volverá soar.

Cando o Entroido fala en verso e a memoria soa a chocalla