domingo. 18.01.2026

San Xoán de Río leva a Canal Cocina as receitas da lonxevidade das mulleres do rural

O concello será protagonista no programa Fogones Tradicionales, dirixido por Eugenio Monesma, a partir do luns 19 de xaneiro
sanxoanderio
O municipio será protagonista no programa Fogones Tradicionales, dirixido por Eugenio Monesma

San Xoán de Río converterase en referente da gastronomía tradicional e da lonxevidade a nivel estatal coa súa participación no programa Fogones Tradicionales de Canal Cocina, dirixido por Eugenio Monesma. A partir do luns 19 de xaneiro ás 22:30 horas, emitiranse nove receitas tradicionais elaboradas polas mulleres de Río, auténticas depositarias dun saber culinario transmitido durante xeracións e estreitamente ligado a unha forma de vivir máis longa e saudable.

Os capítulos emitiranse ao longo do mes de xaneiro e contarán con reposicións en diferentes franxas horarias, o que permitirá que estas receitas e este modelo de vida cheguen a millóns de fogares de toda España.

O proxecto, financiado integramente polo Concello de San Xoán de Río, documenta unha cociña baseada no produto local, a temporalidade, a cociña lenta e o equilibrio nutricional, elementos directamente vinculados á lonxevidade e á calidade de vida do territorio. Máis alá da gastronomía, trátase dun patrimonio cultural e social no que as mulleres xogan un papel fundamental como transmisoras de coñecemento e memoria colectiva.

As nove receitas que se poderán ver no programa son: caldo galego, costela de porco con patacas, castañas con cogomelos, pescada á galega, verduras con patacas e androlla, coello con castañas, fritos de mazá, tortilla de patacas e filloas de sangue.

O Concello dispón ademais destas receitas en formato DVD, co obxectivo de apoiar accións culturais, educativas e divulgativas relacionadas coa alimentación saudable, a memoria rural e o envellecemento activo.

Dende o Concello de San Xoán de Río agradécese expresamente a Eugenio Monesma a súa aposta polo municipio e pola cociña das mulleres de Río, así como o rigor e o respecto cos que se realizou a gravación do programa, contribuíndo a poñer en valor un modelo de vida que combina tradición, saúde e futuro.

Con esta iniciativa, San Xoán de Río demostra que o rural non só conserva memoria, senón que tamén ofrece respostas actuais en ámbitos como a alimentación, a sustentabilidade e a lonxevidade.

San Xoán de Río leva a Canal Cocina as receitas da lonxevidade das mulleres do rural