viernes. 12.12.2025

Larouco pecha un 2025 intenso e mira ao 2026 con esperanza e novos proxectos

A alcaldesa Patricia Lamela reivindica a unión entre concellos, a importancia da vivenda e a necesidade dun ano “máis tranquilo”, ademais de anunciar as actividades previstas para o Nadal
somoscomarca_seadur_patricialamela

A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, fai balance dun 2025 marcado polo traballo conxunto entre concellos, o impulso de pequenos proxectos sociais, a chegada de importantes subvencións e, por suposto, polo impacto dos incendios que sacudiron a comarca no verán.

Nunha conversa distendida, Lamela reivindica o esforzo veciñal, a cooperación institucional e o valor de manter vivos os servizos nun concello pequeno, pero cheo de actividade.

 

Lamela comeza destacando o papel das accións sociais, especialmente as desenvolvidas con San Xoán de Río e outros municipios rurais: «É o que máis orgullosa me fai estar, porque significa traballar con outros concellos».

Este modelo de colaboración, explica, tradúcese en obradoiros, excursións e actividades que unen ás comunidades e responden ás mesmas necesidades: «Somos concellos moi parecidos, con poboacións que buscan o mesmo, por iso as actividades funcionan tan ben».

A cooperación ampliarase en 2026 coa solicitude conxunta dun novo obradoiro xunto ao Concello de Oímbra: «Hai moi boa unión entre nós e queremos facer algo xuntos para o ano que vén».

Na conversa tamén lembrou as visitas institucionais recibidas en 2025, entre elas a do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, que puxeron en valor o emprendemento feminino no rural: «Hai moita muller á fronte de negocios en Larouco e até ese momento non fora totalmente consciente».

No ámbito das infraestruturas, Lamela salienta as melloras no abastecemento e alcantarillado, e fixa como prioridade para 2026 a renovación das bombas do río: «Ao lume colleunos cunha avería moi gorda e creo que agora é o momento de cambialas». A mais, o concello recibiu importantes axudas por parte da Xunta e da Deputación, destinadas á reparación de danos dos incendios e ao impulso da vivenda social: «Neste ano e medio que me queda quero centrarme en ter máis vivenda para a xente nova».

WhatsApp Image 2025-12-12 at 00.23.03
Obras e axudas no Concello de Larouco no 2025

A alcaldesa non evita falar dos incendios, aínda que recoñece a dureza do vivido: «Foron días moi difíciles. Apagabas o lume nun sitio e volvía prender ao día seguinte». Aproveita para criticar o comportamento dalgunhas persoas alleas que acudiron a sacar fotos aos focos activos: «A foto de Instagram estorbaba máis do que axudaba». E adianta que pretende elaborar un plan veciñal de actuación para estar máis preparados no futuro.

Pensando xa no 2026, Lamela pide «tranquilidade, por favor» e marca como liñas principais o reforzo da vivenda, o aforro enerxético e a continuidade nos proxectos con outros municipios.

Ademais, lembra que Larouco participa en iniciativas comarcais como o Plan de Sostibilidade Turística e o PAI, a través do cal o concello prevé rehabilitar a capela de Freixido: «É un espazo moi querido polos veciños, e o tellado está a piques de colapsar».

O municipio arranca as festas o 13 de decembro, día de Santa Lucía, cunha banda de música polas rúas para «levar o ambiente festivo á casa da xente». Consolidarase tamén a tradicional visita dos Reis Magos, coincidindo coa entrega de premios do concurso de casas decoradas. Sobre o número de nenos, Lamela é optimista: «Non andamos nada mal. De feito, somos o concello de Galicia que máis subiu no padrón».

Antes de despedirse, a alcaldesa dedica unhas palabras de gratitude: «Quero dar as grazas a toda a comarca, que nos días dos lumes se achegaron a axudar. A todos, coñecidos e descoñecidos, grazas de corazón». Con ese agradecemento e o desexo compartido dun 2026 máis sereno, Larouco encara o novo ano con ilusión, unión e proxectos en marcha.

Larouco pecha un 2025 intenso e mira ao 2026 con esperanza e novos proxectos