
A rexedora de Larouco, Patricia Lamela, repasou as principais novidades e actividades do concello durante unha entrevista en Radio Valdeorras Onda Cero, na que aproveitou para convidar á veciñanza a participar na festa do Sagrado Corazón, que se celebrará o domingo 29 de xuño, e para denunciar a falta de resposta por partede telefónica ante os problemas de cableado na parroquia de Seadur.

Durante a conversa, Lamela explicou que xa se están preparando para a misa grande do domingo, dentro das celebracións do Sagrado Corazón. «Estamos agora mesmo na novena do Sagrado Corazón e este domingo temos a misa grande. Sempre facemos unhas pequenas alfombriñas, humildes pero tamén moi bonitiñas», dixo, mentres recollía flores silvestres no monte para facer as alfrombras do venerado.

A piscina municipal abre este sábado
Coincidindo co comezo do verán, a alcaldesa confirmou a apertura da piscina municipal: «Mañá —referíndose a este sábado 28 de xuño— abrimos a piscina municipal, cousa que con estes calores os veciños van agradecer». Lamela tamén aproveitou para convidar a visitar as instalacións: «As piscinas de Larouco están moi ben, sempre corre unha brisiña. Dicen que temos o mellor céspede de toda a comarca».
Actividades conxuntas con San Xoán de Río
O Concello de Larouco continúa coa súa colaboración co municipio veciño de San Xoán de Río para desenvolver programas de lecer e envellecemento activo. «Levamos tres anos con San Xoán de Río facendo ximnasia, talleres… este ano temos un obradoiro de debuxo en Larouco, e en Río un de inglés», explicou Lamela.
Entre as actividades máis agardadas está a excursión que se realizará este verán. «Se todo vai ben, no mes de xullo visitaremos a Praia das Catedrais, e en setembro ou outubro faremos por primeira vez unha excursión con pernocta a Portugal», anunciou.

Denuncia pola situación do cableado en Seadur
A alcaldesa tamén aproveitou a entrevista para denunciar a situación que sofre a parroquia de Seadur, onde un cable telefónico caído ao carón da rectoral leva meses sen ser retirado. «O primeiro aviso chegou o 20 de febreiro. Pasaron xa catro meses e ninguén fixo nada. É incomprensible. Non hai forma de reclamar e non nos fan caso nin a nós como Concello», criticou.
Engadiu que este caso é só «o máis visible», pero que hai outras zonas do municipio con problemas similares desde hai anos. «Hai postes caídos en dirección Tribes e Entrelarou, pinos caídos sobre liñas de telefonía… e nada se arranxa. O servizo existe, pero o mantemento é inexistente».

Nova brigada medioambiental en colaboración co Concello Bolo
Finalmente, Lamela anunciou que tamén contarán cun obradoiro de emprego en colaboración co Concello do Bolo, a través do cal se creará unha brigada medioambiental de catro traballadores. «Traballarán seis horas diarias até outubro, centrados principalmente no desbroce, que este ano é máis necesario que nunca pola primavera chuviosa», apuntou.