
Os concellos de Larouco e San Xoán de Río planifican tres actividades conxuntas para esta tempada no programa #EnRede: un programa de radio de mulleres; un obradoiro de remedios naturais; e unha viaxe á illa de Tambo.
Con M de Mulleres
É o nome do novo programa de radio en igualdade: «unha radio divertida cos micrófonos a disposición das participantes para que compartan as súas experiencias ao longo dos anos e as súas inquietudes actuais». Dende a organización da iniciativa explicaban que un dos seus obxectivos é falar con estas mulleres sobre «como se levan coa tecnoloxía, como eran antes as festas, que viaxes realizaron ao longo da súa vida e cales desexarían facer».
O vindeiro luns día 24 terá lugar a gravación na Aula da Natureza de Larouco, en horario de 17:00 a 19:00 horas.
Elaboración de pomada con plantas locais
O próximo xoves día 27 de xuño, Piel Natura impartirá un obradoiro gratuito de remedios naturais. En concreto, de elaboración de pomada con plantas locais. Desenvolverase na Aula da Natureza de 17:00 a 19:00 horas.
Viaxe á illa de Tambo
Outra das actividades programadas #EnRede é unha excursión á illa de Tambo, en Pontevedra. Está situada na ría pontevedresa entre a vila de Marín e o municipio de Poio. Ten unha superficie de 28 hectáreas e acada os 80 metros de altitude.
A excursión será o vindeiro 6 de xullo e ten un custo de 25 euros. Hai 55 prazas dispoñibles e o prazo de inscrición remata o 1 de xullo.