martes. 17.06.2025

Castro Voces: "Valdeorras é unha das poucas comarcas que non teñen un museo"

portada

Nesta ocasión, Somos Comarca estivo con Antonio Castro Voces, valdeorrés e licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Xeografía, Historia e Arte de Galicia. Aproveitamos a súa visita para falar da historia de Valdeorras, concretamente de Lucio Pompeyo, primeiro valdeorrés do que se ten constancia.

Somos Comarca: Hoxe contamos unha historia moi especial, falamos de Lucio Pompeyo, o primeiro valdeorrés con nome e apelidos...

Antonio Castro Voces: Si. É o primeiro valdeorrés que identificamos con nomes e apelidos. Cremos que foi Lucio Pompeyo Reburro Fabro. Se deixamos voar a imaxinación, facendo unha viaxe retrospectiva ata a prehistoria -que vai dende o Paleolítico ata a aparición da escrita-, sabemos que aquí existían os primeiros valdeorreses, que serían os gigurros, localizados, principalmente, nas covas e grutas da Serra da Enciña da Lastra.  Estamos  falando de fai uns 40.000 anos a.C. Estes primeiros habitantes da comarca vivían fundamentalmente da caza e refuxiábanse nestas grutas e covas. Se damos un salto e vamos ao Neolito, máis ou menos 3.000-7.000 anos a.C., os valdeorreses xa son colectores, xa plantan cereais... Abandonan a zona das montañas e van baixando cara ao río, cara a parte baixa do val. Temos mostras desta época, como son os petróglifos. Así chegamos á época Castrexa,  antes dos romanos, onde o que proliferan son os asentamentos castrexos, os castros, que son edificacións ou pequenos poboados que se construían en zonas máis ben altas, de difícil acceso. E despois chegamos, por fin, á época romana. Nesta época, un dos personaxes desta comarca que estivo enrolado no exército romano, foi Lucio Pompeyo. Sabemos del gracias a unha lápida que está en A Rúa, na Igrexa de Santo Estevo da Rúa Vella, na parede dunha casa que está fronte a Igrexa. Nesta lápida aparecen unha serie de nomes, como é o de Lucio, ademais da palabra gigurros (porque pertencía aos gigurros) , Calúbrica (porque vivía en Calúbriga), e ocupou unha serie de postos no exército romano que tamén están recollidos nesta lápida. A lápida non ten grandes dimensións, conta cuns 88 centímetros de alto por 56 de ancho, e polo tipo de escritura que se utilizou crese que data do século II-III d.C.

SC: A lápida, que é a primeira testemuña deste valdeorrés, aínda a podemos atopar en A Rúa, é así?

ACV: Si, efectivamente. É a primeira testemuña que temos deste primeiro valdeorrés.

SC: ¿Coñecemos aos seguintes valdeorreses dos que se ten rexistro?

ACV: Nesta época, toda a referencia que hai é a través destas lápidas. En Valdeorras hai varias, pero onde apareza con esta claridade e cantidade de información, non hai mellor mostra que esta lápida de A Rúa.

SC: Estas outras lápidas das que falas, son todas desta data?

ACV: Si. As lápidas soen ser todas da época romana. As referencias que fan xeralmente son á personaxes, ou invocación a deuses. Para que aparezan documentos escritos xa hai que esperar ao Século X d.C.

SC: Unha mágoa que Valdeorras non conte cun lugar específico onde recoller todos estes tesouros da historia.

ACV: É algo que se leva reivindicando moito tempo e parece que é predicar no deserto. É curioso, pero Valdeorras non ten ningún museo en toda a comarca. Creo que é das poucas comarcas en Galicia que non ten un museo. Por iso, a propósito do tema, reivindicamos ese museo arqueolóxico onde poderían estar expostos todos estes restos que van aparecendo. Como os do Mosaico da Cigarrosa, que están amontoados en caixas no museo provincial, porque teñen moitas pezas e pouco espazo, e o sitio adecuado para estes restos sería en Valdeorras para que os puidesen ver os rapaces dos colexios e os visitantes.

SC: Pois con esta reivindicación finalizamos a entrevista. Moitas grazas por ternos contado toda esta historia de Valdeorras!

Castro Voces: "Valdeorras é unha das poucas comarcas que non teñen un museo"