lunes. 09.06.2025

O River Stone xa está de cheo na nova tempada

O club de karate do Barco deixa atrás un 2024 “positivo” no que destaca a organización en Valdeorras do campionato galego infantil, no que participaron 400 rapaces
somoscomarca_2024_12_21_karate_primercampeonatodeliga6029
somoscomarca_2024_12_21_karate_primercampeonatodeliga6029

Fin a un 2024 “positivo” para un River Stone, que volveu levar o nome de Valdeorras por distintos puntos do mapa, e non só do galego. «Competimos a nivel autonómico, nacional e ata internacional, cunha Youth League. Nos nacional non recollemos títulos, pero si temos a esperanza de facer algo este ano que acaba de comezar», di Nicolás Rodríguez, responsable deste club barquense de karate. Mención especial merece o campionato infantil, que se celebrou o pasado marzo no pavillón de Calabagueiros.

Os presentes han ser meses de moito traballo para Nicolás Rodríguez, con moitas competicións e actividades relacionadas con este deporte. Dende setembro é tamén profesor de karate na Rúa, ademais do Barco. Foi, precisamente no concello rués, onde comezou a afección polo karate en Valdeorras hai preto de catro décadas, antes de estenderse polo resto da comarca.

Rodríguez admite que o pasa moi ben ensinando esta disciplina aos máis novos e que as ganas seguen intactas. Arredor duns 40 rapaces forman parte do River Stone do Barco, que xa está de cheo na nova tempada, posta en marcha coa liga galega celebrada en Ferrol, de onde o River Stone regresou con 13 medallas, das que cinco son de ouro, unha de prata e sete de bronce. «Celebrouse en 2024, pero era, en realidade, a primeira competición correspondente á actual tempada», indica Nicolás.

Xa teñen a vista posta no campionato galego de clubs, tanto sénior como veterano, «para o que teremos que confeccionar os equipos. Logo teremos a liga galega (este ano hai catro)», avanza.

Un campionato con 400 nenos no Barco

Admite Nicolás Rodríguez que é difícil escoller un momento do pasado 2024, pois o calendario estivo moi cargado de actividades. Con todo, unha das citas destacadas foi o campionato galego de karate infantil, celebrado en marzo no pavillón de Calabagueiros e no que participaron uns 400 nenos e nenas chegados dende puntos de toda Galicia.

Ademais do aspecto deportivo, cunha decena de medallas para o River Stone, é de destacar a importante repercusión económica que esta cita deportiva tivo na comarca de Valdeorras, principalmente no Barco.

Nicolás Rodríguez sinala que o impacto foi «tremendo» e cre que este tipo de actividades son «importantes para darlle vida ao Barco». Detrás houbo horas de traballo, pois recoñece que un evento deste calibre «“é custoso». Destaca ademais o amplo despregamento da Federación Galega, cun staff de 20 persoas, que se encargaron de montar, levar as listas e controlar as pantallas.

Un ano de moitas probas

Ademais do celebrado no Barco, o River Stone acudiu a outras moitas probas por Galicia e España. A nivel nacional podemos salientar, por exemplo, a participación en Guadalajara de catro integrantes do club no campionato de España infantil. Foron Aina Moral, Nazan Barreda, Cloe Yáñez e Manuel Blanco. «España ten un nivel moi alto en karate», di sempre Nicolás Rodríguez, polo que o feito de chegar aí xa ten mérito.

Hai algo máis dun mes, Córdoba acollía outro campionato, neste caso cadete-junior, con presenza de karatekas valdeorreses, Brian Rodíguez e Enzo Prieto. Tampouco se pode pasar por alto a celebración da Youth League, un evento de carácter internacional, un campionato do mundo de karate, que en 2024 se deu a casualidade de que se disputou na Coruña. Nazan e Brian acudiron en categoría xuvenil e Enzo en júnior. Participaron 3.000 deportistas no evento.

Por suposto, ás mencionadas probas hai que sumar as do calendario galego. O River Stone nunca falla. Sempre está presente e case sempre regresa a Valdeorras con máis dunha decena de medallas.

O River Stone xa está de cheo na nova tempada