jueves. 30.04.2026

O Vianariño Futsal consolida o seu crecemento e agarda pola permanencia en Terceira

O club de Viana do Bolo e Vilariño de Conso pecha a tempada cun proxecto en expansión, forte na base e con boas sensacións no feminino
somoscomarca_viana_vianariño_futbolsala_presentacion (49)

O Vianariño Futsal continúa a dar pasos firmes no seu proceso de crecemento. Tras acadar un histórico ascenso á Terceira División Nacional, o club afrontou unha tempada esixente na que o principal obxectivo era manter a categoría, algo que, a nivel deportivo, considera cumprido, aínda que queda pendente dos arrastres.

O seu presidente, Víctor Ferreño, fai un balance positivo do curso: «era un ano moi ilusionante. Ascendemos a unha categoría nacional, que xa son palabras maiores para un sitio como Viana do Bolo e Vilariño de Conso, e desfrutamos moito da experiencia».

O equipo masculino rematará a liga na décimo terceira posición, tras unha tempada marcada polas lesións e un inicio complicado. «Non se nos deu todo o ben que queriamos ao principio, pero fomos recuperando xogadores e gañando partidos importantes. A nosa parte fixémola, agora só queda esperar», sinala.

O feminino medra e colle protagonismo

Se no masculino toca agardar, no feminino as novas son especialmente positivas. O equipo segue medrando e asentándose, como demostra a recente vitoria no derbi ante A Gudiña.

«É un equipo novo, ao que lle custou ao comezo, pero agora está nunha posición cómoda na táboa e dando bos resultados», explica Ferreño, quen destaca tamén a importancia da canteira: «xa empezan a chegar xogadoras das categorías inferiores, e iso é fundamental».

Un club novo… con oito equipos

A evolución do Vianariño é notable tendo en conta a súa curta traxectoria. En apenas uns anos pasou de ser un proxecto modesto a contar cunha ampla estrutura deportiva.

«Comezamos cun grupo de amigos e agora temos oito equipos, cun feminino, un xuvenil en Preferente e todas as categorías inferiores», resume o presidente. Un crecemento que se apoia na base e na implicación da contorna.

A pesar das dificultades, especialmente pola saída de xogadores para estudar fóra, o club mantén unha liña de traballo clara: «temos rapaces novos que veñen empurrando moi forte e que nos van dar moitas alegrías».

Cambio no banco e espírito de familia

Outro dos momentos clave da tempada foi o relevo no banco do primeiro equipo, coa chegada de Anxo Macía no lugar de Xocas Miranda. «Foi un cambio natural. Anxo é xente da casa, preparouse moito e ten un gran futuro. Xocas tamén foi moi importante para nós. Ao final, somos unha familia e todos suman», afirma Ferreño.

E é precisamente ese ambiente o que define ao Vianariño, tanto dentro como fóra da pista. «Somos dous pobos pequenos, pero moi unidos. No pavillón xúntase todo o mundo, familias, xogadores, adestradores… hai un ambiente espectacular».

Mirando ao futuro con ilusión

De cara á próxima tempada, o obxectivo pasa por consolidarse na Terceira División e seguir fortalecendo a estrutura do club. «Estamos nunha categoría na que nos sentimos cómodos. Se nos respectan as lesións, podemos asentarnos aí», asegura o presidente.

Mentres tanto, o Vianariño segue construíndo algo máis que resultados: un proxecto deportivo e social que medra coa forza da canteira e co apoio dunha afección que xa se sente parte dunha gran familia.

O Vianariño Futsal consolida o seu crecemento e agarda pola permanencia en Terceira