
O Instituto de Estudos Valdeorreses (IEV) acordou, en sesión extraordinaria o pasado 4 de outubro de 2024, nomear ao pintor, escritor e poeta Xosé Porto García, coñecido como "Yosso", como "Valdeorrés Ilustre". Esta decisión, respaldada por todos os membros da Xunta Directiva, recoñece a excepcional contribución cultural e artística do nado na aldea de Valbuxán, no Bolo, no ano 1943, e falecido en 2019 aos 76 anos.
Yosso destacou tanto no campo da pintura como na literatura, sendo descrito como un artista multidisciplinar cun talento singular. A súa obra pictórica gozou de prestixio internacional, recibindo eloxios de figuras tan relevantes como Eugenio Montes, Gerardo Diego, Camón Aznar, o Marqués de Lozoya e Eduardo Blanco Amor.
Este último cualificou a Yosso como «o máis claro e luminoso pintor de occidente, o máis pintor de todos os pintores», mentres que Gerardo Diego definiuno como «pintura pura, poesía de luz e transparencia».
No ámbito literario, a súa poesía foi igualmente recoñecida. Camón Aznar describiuno como «unha das voces máis puras e inspiradas», e Eugenio Montes destacou a súa poesía como «sorprendente e marabillosa». O seu poema "Himno ao Carballo" é considerado un monumento literario e un exemplo da súa capacidade lírica.
O Instituto de Estudos Valdeorreses expresa o seu orgullo ao incluír a Xosé Porto García no cadro de honra como "Valdeorrés Ilustre". O IEV poñerase en contacto coa familia de Yosso para organizar un acto solemne no que se formalizará este recoñecemento.